Exposición de BALEA en El Halcón Milenario, Vigo

Publicado por o día 09/03/2016 na sección de Cultura

Exposición de BALEA en El Halcón Milenario, Vigo

O espazo artístico ‘El Halcón Milenario’ (Rúa Cervantes, 18) de Vigo vai inaugurar este venres 11 de marzo, ás 20:30 horas, unha completa e ampla exposición do proceso creativo de “Balea”, un libro despregable dos ilustradores vigueses Federico Fernández e Germán González, publicado por KALANDRAKA. Na mostra -que se poderá visitar o día da inauguración, o sábado 12 e o venres 18, data da clausura- non faltarán bosquexos dos debuxos e das primeiras acuarelas da obra, as ilustracións orixinais e un video con animacións de Laura Calleja.

O sábado ás 12:30 horas realizarase un obradoiro de ilustración aberto á participación de nenos e nenas dende 4 anos, que poderán pintar os personaxes do libro e xogar coa xestualidade ao ritmo da música. O remate da exposición celebrarase o venres 18, cunha actuación musical en directo.

“Balea” é un gran mural de dobre cara, pregado como un acordeón que, dun lado, representa unha enorme balea sumerxida no mar. No reverso aparece o interior do artefacto, dividido en numerosos compartimentos nos que habitan uns buzos de traxe amarelo que desenvolven numerosas tarefas: control de navegación, reparacións mecánicas, cultivo dun horto, xestión da despensa e da cociña, descanso nos dormitorios, exercicio no ximnasio, música e lectura nas salas de lecer…

Trátase dun libro-obxecto sen texto que invita o público a imaxinar que acontece en cada estancia.

Evocadora da obra de Jules Verne e Leonardo da Vinci pola súa relación coa robótica, esta obra deseñada por Federico Fernández e coloreada por Germán González, presenta un mundo idílico e sen xerarquías no que mulleres, homes, anciáns e nenos conviven en harmonía. As viñetas de Francisco Ibáñez en “13, Rue del Percebe”, as escenas cotiás de Ali Mitgusch ou as multitudes de Martin Handford en “Onde está Wally?” son outros referentes artísticos de “Balea”, no que Fernández&González actúan como enxeñeiros dun invento chamado a revolucionar o transporte marítimo, a navegación e a imaxinación dos lectores.

Licenciados en Belas Artes pola Universidade de Vigo, os artífices de “Balea” son profesores de plástica e debuxo, ademais de promotores da asociación cultural “El Halcón Milenario”. Mentres que para Germán González este traballo é a súa primeira publicación para público infantil, Federico Fernández ten varios libros publicados, un dos cales -“Onde perdeu Lúa a risa?”, editado por KALANDRAKA- foi galardoado co Premio Nacional de Ilustración 2001.

PRENSA KALANDRAKA