Exposición de pintura do artista Kike Ortega

Publicado por o día 16/05/2014 na sección de Cultura

Exposición de pintura do artista Kike Ortega
  • Kike Ortega na Fundación Novacaixagalicia
  • A exposición do pintor e arquitecto galego estará aberta ata o 14 de xuño

O Centro Social da Fundación Novacaixagalicia acolle na súa sala I a exposición de pintura do artista Kike Ortega. A produción deste pintor e arquitecto galego encádrase nunha liña de traballo que el mesmo define con rotundidade: «Moitas das miñas obras realízanse con materiais reciclables. Isto non só implica un discurso sobre o aproveitamento dos recursos do planeta, non significa que obrigatoriamente implique un carácter político, nin de denuncia. Realmente traballo instintivamente e, de paso, poño o meu gran de area para conservar a natureza.

Aínda que como arquitecto non só debería estar concienciado, senón obrigado a facer entender a xente que isto é real, como pintor non é así. Simplemente, o que fago é explorar novos materiais e estes danme unha gran liberdade á hora de traballar». No seu interese por potenciar a obra de arte, Kike Ortega incide na importancia que todos os chanzos creativos teñen á hora de contemplar un cadro nunha mostra. Desde a escolla de materiais, ata o proceso de composición pasando polo contexto e historia que toda obra leva implícitos. O autor demanda, tamén, a apertura de miras e mais o coñecemento previo do espectador para acadar, así, un completo proceso de diálogo entre creador e público.

A mostra poderá ser contemplada ata o vindeiro sábado 14 de xuño, de luns a sábado, en horario de 17.30 a 20.30 h.

PRENSA FUNDACIÓN NOVACAIXAGALICIA