A exposición sobre maquetas de barcos do Ano do Patrimonio xa pode verse en Bueu

Está composta por 18 maquetas que reproducen embarcacións tradicionais galegas e poderá visitarse ata o 20 de agosto no Centro Social do Mar.
Publicado por o día 30/07/2017 na sección de Bueu,Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia

A exposición sobre maquetas de barcos do Ano do Patrimonio xa pode verse en Bueu

“Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala” xa pode verse no Centro Social do Mar, en Bueu, ato o vindeiro 20 de agosto. Esta exposición, composta por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e que corresponden a diferentes tipoloxías, e 13 paneis explicativos, forma parte da programación de actividades do Ano do Patrimonio da Deputación de Pontevedra. Foi inaugurada esta tarde, no marco do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu, polo deputado provincial de Cultura e Lingua, e tamén concelleiro nesta localidade, Xosé Leal. O acto contou coa presenza de representantes da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos e tamén de Culturmar.

O deputado nacionalista amosou a súa satisfacción porque esta exposición poida verse en Bueu indicando que “o patrimonio marítimo goza de moi boa saúde en concellos coma este onde, ademais da inxente labor da Asociación Os Galos, o propio concello está  a rehabilitar o estaleiro da Banda do Río para convertelo nun Museo interpretativo que poña aínda máis en valor toda esta cultura ligada ao mar”. Xosé Leal defendeu, ademais, a necesidade de difundir a cultura marítima desde distintas perspectivas e entidades, asegurando que “as embarcacións tradicionais son un patrimonio moi vivo que, ademais de poder velas nas nosas rías nos diferentes encontros, tamén pretendemos reforzar o seu coñecemento e difundilo entre todo tipo de públicos para que sexa apreciado e valorado na xusta medida.”

O acto de apertura da mostra incluíu unha actividade de narración oral e música a cargo de Xurxo Souto. O escritor e músico fixo un percorrido polas vivencias dos mariñeiros galegos embarcados en rutas internacionais e que recolle de primeira man no libro “Contos do mar de Irlanda”. Xurxo Souto complementa esta exposición cunha escolma de anécdotas, narradas de xeito desenfadado e humorístico, e coas que dá conta das condicións de vida e das relacións de compañeirismo dos mariñeiros galegos en alta mar. O idioma, a cultura gastronómica, o humor como arma de supervivencia, a morriña e, por suposto, a música tradicional son os piares nos que se centra este espectáculo.

“Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala”  iniciara a súa andaina en Combarro e Cambados, e despois de Bueu, continuará o percorrido por A Illa de Arousa, Vigo e O Grove. Esta exposición tamén vai acompañada por unha pequena publicación que leva por título “Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia” editada pola Deputación, en colaboración con Culturmar e A Citania. Esta guía recolle unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar e que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas, e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.

Tras o acto de apertura da mostra, o Centro Social do Mar tamén acolleu a proxección do documental “Paraíso roubado”, dirixido por Lukas Santiago. Este traballo audiovisual, impulsado pola APDR e patrocinado polo Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación,  recupera a memoria da parroquia pontevedresa de Lourizán antes da chegada da celulosa, así como a loita veciñal contra a instalación da pasteira. Así, recolle testemuñas da veciñanza, sobre todo das mulleres do lugar, e imaxes da época de esplendor da parroquia no tempo no que Montero Ríos tiña fixada alí a súa residencia de verán así como outros persoeiros do momento, tanto galegos como de fóra de Galiza, e todo o que isto implicaba, como era a actividade económica ligada á Casa de Baños de Os Praceres, o aluguer estacional de casas como fonte de recursos extra para a veciñanza, ou a propia actividade ligada ao marisqueo e á pesca.