A exposición “Nado en pedra” chega aos xardíns da Deputación para poñer en valor o traballo da Escola de Cantería

Carmela Silva subliñou que “a mostra pretende que a xente coñeza a extraordinaria formación da Escola e o propio oficio da pedra que, no século XXI, tamén ten futuro”
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A exposición “Nado en pedra” chega aos xardíns da Deputación para poñer en valor o traballo da Escola de Cantería

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, inaugurou este venres 26 de xaneiro a exposición “Nado en pedra”, que estará nos xardíns da Deputación ata o vindeiro 18 de marzo, despois do seu paso por Cambados, Nigrán e O Rosal. Esta exposición tamén estivo preto de 3 meses en Santiago de Compostela a petición do Concello.

“Nado en pedra” é unha exposición itinerante da Escola de Cantería que, en verbas da presidenta da Deputación de Pontevedra, “ten un dobre obxectivo: por un lado poñer en valor a extraordinaria formación que se imparte na Escola e por outro poñer tamén en valor este oficio tradicional que hoxe, no século XXI, tamén ten futuro, tal e como demostran os importantes traballos que están realizando os nosos alumnos e alumnas en Barcelona, Londres, Washington e moitos outros lugares.”

Pola súa banda, César Mosquera sinalou que “o máis relevante é que o oficio da cantería poida manterse co paso dos anos porque o oficio tiña o risco de perderse pero co traballo da Escola de Cantería da Deputación puido darse continuidade a esta profesión tan nosa.”

Dita exposición componse de 17 pezas de gran tamaño, algunhas delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática a figura humana. A través destes traballos amósanse algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá da época co trasfondo da emigración.

Durante a inauguración, Carmela Silva e César Mosquera, xunto a varios membros da corporación provincial fixeron un percorrido polas 17 pezas da exposición guiados por Enrique Velasco, director técnico da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.

Sobre o significado da exposición, Carmela Silva sinalou que “recordar a nosa historia facilita o noso futuro. Os pobos que non recordan a súa historia poden volver a repetila e non queremos repetir a dramática situación da emigración.”

A exposición organizada pola Deputación de Pontevedra favorece, ademais, un achegamento á arte do traballo a man da pedra, especialmente por parte das xeracións máis novas, que poden descubrir así este oficio tradicional que é tamén unha profesión con futuro e que cada vez está a ter máis demanda, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

A Deputación de Pontevedra pon a disposición de todos os concellos da provincia esta exposición que poderá instalarse en cada municipio por un prazo máximo dun mes. Os concellos interesados en participar deberán cubrir o formulario que se atopa na web da Deputación. Desta maneira, despois de que a cidade de Pontevedra goce desta exposición, será o concello da Guarda quen acolla “Nado en pedra.”