A conselleira de Política Social, Fabiola García, gabou o labor e a traxectoria dos seis galardoados nos Premios Solidarios ONCE Galicia 2019. Fíxoo hoxe na clausura da gala no que entregaron estes premios que recoñecen o papel solidario que realizan na súa contorna persoas, entidades e empresas.
Fabiola García deu as grazas tanto aos premiados como ás demais persoas e organizacións candidatas aos galardóns polo importante apoio que prestan á sociedade. Un traballo que, realizado en colaboración coa Xunta de Galicia, se desenvolve co firme obxectivo de que todas as galegas e galegos conten coa axuda e o apoio necesario para vivir a súa vida como escollan con plena liberdade.
Así mesmo, a conselleira indicou que para garantir a autonomía e a integración das persoas que o necesitan, é preciso contar cun tecido social plenamente implicado para facer que Galicia sexa cada día unha comunidade máis inclusiva. Un feito que non sería posible sen o traballo das Administracións públicas, o das entidades do terceiro sector e tamén o das empresas.
Neste sentido, puxo como exemplo a dedicación e o esforzo que realiza a ONCE a diario para a plena integración das persoas con discapacidade. Resaltou os máis de 70.000 afiliados que posúe, así como as oito décadas de traballo para avanzar cara a unha sociedade mellor.
Premiados
Os premiados nesta edición foron: o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, na categoría de institución, ONG ou entidade; a película Máis ca vida e o documental Vida, ambos traballos de Rubén Riós, no premio ao traballo de medios de comunicación; María Elena Viturro, na categoría de persoa física; CLUN-Cooperativas Lácteas Unidas, na de empresa economía social; a Organización Nacional de Transplantes (ONT) e a Axencia Galega de Doazóns de Órganos e Sangue (Ados), premiadas na modalidade administración pública.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.