Fabiola García pon en valor o incremento nos efectivos e as melloras nas condicións laborais do persoal de Política Social ao longo dos últimos anos

Hoxe a Consellería conta cun 10,3% máis de profesionais que en 2009
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Social,Xunta de Galicia

Fabiola García pon en valor o incremento nos efectivos e as melloras nas condicións laborais do persoal de Política Social ao longo dos últimos anos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá que esta Consellería conta hoxe con máis de 6.500 profesionais no seu cadro de persoal, un 10,3% máis que no ano 2009. Ademais, nos últimos anos tamén se rexistraron importantes melloras na súa situación laboral, como a redución dos días consecutivos de traballo e unhas xornadas de traballo que están máis dun 5% debaixo dos máximos.

Por outra banda, Fabiola García subliñou o incremento nas nóminas dos traballadores públicos: dun 2,5% neste 2019 e dun 2,2% no 2020. Ademais, en materia de calidade asistencial, recalcou que en todos os centros públicos de atención ás persoas maiores se cumpre a normativa e que se ten en conta a rotación dos traballadores nos supostos de carga de traballo, substitucións e cobertura de baixas.

A conselleira tamén fixo fincapé no reforzo da atención tanto residencial como de proximidade, que elevou o número de dependentes atendidos por riba dos 61.000. Na actualidade, Galicia conta con máis de 8000 prazas públicas en residenciais, un 42% máis que hai unha década, e outras 3300 en centros de día, mentres que no 2009 non chegaban ás 1000. Ademais, multiplicouse por seis os beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ata acadar os 24.000; o programa Xantar na Casa chega a usuarios de máis de 170 concellos e serve 40.000 menús ao mes; impulsouse a Teleasistencia avanzada, da que xa desfrutan preto de 6000 persoas; e se puxeron en marcha servizos innovadores no rural como as Casas do Maior ou os Coidados porta a porta.

Fabiola García indicou que en 2020 seguirase a avanzar na mellora dos servizos xa existentes e na creación doutros novos, co obxectivo de que Galicia siga a ser un referente nuns servizos que permiten aos maiores permanecer no seu fogar e na súa contorna sen renunciar a ser atendidos. Neste sentido, aumentarase de novo o investimento no SAF, que disporá de 76,3 millóns de euros, un 1,6% máis que no exercicio actual. Tamén se estenderá ata os 200 concellos o programa de Coidados porta a porta, que neste primeiro ano de actividade xa achegou a 2000 maiores que viven en 20 localidades rurais servizos de optometría, podoloxía, apoio persoal e estimulación da memoria. Así mesmo, duplicarase a rede de Casas do Maior, pequenos centros de día en poboacións de menos de 5000 habitantes, e o vindeiro ano estarán en funcionamento 60 instalacións.

Residencias e prestacións

Para aquelas persoas que prefiren a asistencia residencial, a conselleira subliñou o feito de que Galicia contará con sete novos centros integrais de atención aos maiores, que incrementará en 900 prazas a oferta pública. Esta actuación non costará nin un só euro ás galegas e galegos, grazas á implicación da Fundación Amancio Ortega que investirá 90 millóns de euros no financiamento e construción destes centros.

Ademais destas novas residencias que serán punteiras en Europa, Fabiola García indicou a importancia de que os maiores conten coas mellores instalacións. Ao respecto, referiuse ao importante plan de obras que se está a desenvolver nas residencias de Campolongo, en Pontevedra, á que se destinan 3,5 millóns de euros; a de Ferrol, cun investimento de 1,8 millóns de euros; a de Cerdedo, con obras por valor de 1,7 millóns de euros; ou os centros de Burela e Barbadás.

Fabiola García tamén sinalou que aqueles maiores que estean esperando por unha praza pública reciben unha achega económica para que poidan ir ao centro da súa elección. As contías destas axudas aumentaron en relación ao ano pasado entre un 20% e un 75%, en función do grao de dependencia do solicitante. Así, para dependentes de grao I a axuda máxima ascende a 360 euros; para os de grao II, a máxima será de 745; e para os dependentes de grao III; a achega maior pasa a ser de 858 euros.

Por outra banda, a conselleira explicou que desde o pasado mes de abril 19.000 galegas e galegos viron incrementadas as contías e prestacións por dependencia. As axudas para pagar un coidador da súa propia familia pasaron dun máximo de 387 euros a un máximo de 426, isto é un 10% máis. Tamén se aumentaron as axudas para contratación dun asistente persoal, pasando a media da mesma de 1.300 euros a 1.500.

Inspeccións de servizos sociais

Nas quendas de réplica, a conselleira de Política Social agradeceu o traballo do equipo de inspección de servizos sociais e recalcou que se levaron a cabo 219 inspeccións tan só nos meses de verán deste 2019. Tamén puxo de manifesto a redución da sinistralidade laboral nos últimos anos.

Por último, subliñou que unha praza de atención ás persoas maiores suxeita a prezos públicos, ás listas e criterios de acceso públicos e con estándares de calidade públicos é unha praza pública e reclamou que o Goberno central pague a Galicia os 200 millóns de euros da factura da dependencia que deixa cada ano sen pagar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.