Fabiola García resalta a importancia das Aulas Sénior de Ategal para fomentar a formación e participación das persoas maiores

Defende o protagonismo das galegas e galegos de máis idade para facer unha Galicia mellor
Por o 19/06/2019 | Sección: Social,Xunta de Galicia
Fabiola García resalta a importancia das Aulas Sénior de Ategal para fomentar a formación e participación das persoas maiores
Compartir en:

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe o papel das Aulas Sénior de Ategal para propiciar a formación e a participación activa das persoas maiores. Díxoo no acto de clausura do curso 2018-2019 de Aulas Sénior Galicia-Ategal, no que gabou os 40 anos de traxectoria desta entidade pioneira na formación de adultos.

Fabiola García destacou a importancia de aprender da experiencia das persoas maiores para seguir a avanzar cara a construción dunha Galicia mellor e felicitou aos participantes nos programas de Ategal pola súa ambición e ganas de ampliar os seus coñecementos. Tamén gabou o compromiso da entidade polo benestar dos maiores desde a formación, como ferramenta para fomentar a participación, as relacións sociais e para que se manteñan activos.

A conselleira garantiu o compromiso do Goberno galego con aquelas iniciativas que, como os cursos de Ategal, favorezan o envellecemento activo e saudable. Neste sentido, referiuse ao reforzo dos recursos dirixidos ás persoas maiores para que hoxe en día teñan máis alternativas que nunca e que elixan libremente como e onde vivir esta etapa da vida.

A Xunta de Galicia incrementou progresivamente nos últimos anos o apoio a Ategal e este ano 2019 a achega autonómica ascende a 190.000 euros, máis do dobre que no exercicio anterior. Esta destínase á realización de cursos de formación e de encontros sobre envellecemento activo que se levan a cabo, principalmente, nas nove delegacións de Ategal, as cales están emprazadas nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Padrón, Ferrol, Vigo, Ourense, Lugo, Vilalba e Monterroso.

Comentar noticia

Your email address will not be published.