Fabiola García valora como un primeiro paso que o Goberno central incremente en 45 M€ a súa achega á dependencia en Galicia

Na actualidade Galicia inviste nas persoas dependentes un total de 400 millóns de euros, dos que un 76% proceden das arcas autonómicas e un 24% polo Estado
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Social,Xunta de Galicia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, valorou como un primeiro paso que o Goberno central decidise incrementar o financiamento do sistema de atención á dependencia en Galicia para o ano 2021 en 45 millóns de euros. Así o manifestou durante o pleno do Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia (SAAD), no que se reúnen o Executivo central e todas as comunidades autónomas.

Nestes momentos en Galicia invístense nas persoas dependentes un total de 400 millóns de euros ao ano, dos que máis de tres cuartas partes —o 76%— veñen das arcas autonómicas, e só o 24% restante proceden da Administración xeral do Estado. A conselleira destacou que esta medida responde á reclamación que Galicia e as demais comunidades autónomas levan facendo durante os últimos anos, “un primeiro paso para equilibrar o financiamento por parte do Goberno central que marca a Lei”, sinalou.

Fabiola García agradeceu este incremento, pero lembra que esta contía segue a estar moi lonxe da cofinanciamento que marca a lexislación e que establece que cada administración asuma o 50% do gasto total. Neste sentido, apuntou que coa implicación de todas as Administracións poderase seguir incrementando a atención e os servizos destinados ás persoas dependentes e ás persoas con discapacidade.

Así mesmo, durante a reunión a conselleira insistiu en que é imprescindible que os fondos de dependencia e os que se inclúen dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia se distribúan con transparencia e equidade e que teñan en conta as necesidades das persoas, non dos territorios. Neste sentido, apuntou que coa implicación de todas as Administración poderase conseguir que desta pandemia “emerxan un servizos sociais máis áxiles, robustos e que respondan ás circunstancias particulares de cada galega e de cada galego”.