Facenda proporá aos sindicatos reanudar no último trimestre do ano as probas selectivas das oposicións xa convocadas no eido da Administración Xeral

Trátase de achegar seguridade e garantir o bo desenvolvemento dos procesos
Publicado por o día 29/04/2020 na sección de Coronavirus,Economía,Xunta de Galicia

Facenda proporá aos sindicatos reanudar no último trimestre do ano as probas selectivas das oposicións xa convocadas no eido da Administración Xeral

A Consellería de Facenda vai propoñer ás organizacións sindicais reanudar no último trimestre do ano a realización das probas selectivas das oposicións xa convocadas no eido da Administración Xeral, é dicir, todos os procesos selectivos da Administración Autonómica con excepción dos correspondentes ao persoal docente de educación e ao persoal do SERGAS. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento para informar das medidas adoptadas no ámbito financeiro e orzamentario ante a situación motivada polo COVID-19.

Neste sentido, o titular de Facenda explicou que o obxectivo desta moratoria é “achegar certezas e seguridade aos preto de 45.000 aspirantes e garantir o bo desenvolvemento dos procesos selectivos, á vez que seguimos cumprindo os acordos asinados coas organizacións sindicais para favorecer a estabilidade na Función Pública autonómica”. Esta proposta dá resposta ás demandas de algunhas organizacións sindicais e supón dar continuidade á moratoria de dous meses aprobada o pasado 12 de marzo.

Na súa intervención, Valeriano Martínez detallou tamén todas as medidas postas en marcha polo Goberno galego para facer fronte á situación provocada pola pandemia do COVID-19, como é o plan de liquidez para a tesourería, a axilización dos pagamentos aos provedores, a suspensión dos prazos para presentar determinados impostos ou a creación dun fondo de continxencia para reforzar o gasto sanitario e social.

Plan de liquidez, pago en 15 días e suspensión de impostos

O titular de Facenda destacou o plan específico posto en marcha pola Xunta para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade Autónoma con case 1.800 millóns, para axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega e aliviar os efectos negativos derivados do coronavirus. Con este plan, a tesourería poderá afrontar pagamentos ordinarios –como as nóminas ou as cotizacións á Seguridade Social-, axilizar o pagamento das facturas aos provedores da Xunta e afrontar gastos extraordinarios que poidan xurdir nas vindeiras semanas. Estes recursos de liquidez, que garanten a solvencia da Comunidade nos vindeiros meses, son a maiores dos recursos que proveñen do sistema de financiamento autonómico e do Fondo de Facilidade Financeira.

O Goberno galego apostou tamén por reducir de maneira inmediata o tempo medio de pago aos provedores da Administración galega ao entorno dos 15 días. Un obxectivo, que segundo explicou o conselleiro, xa se ten cumprido posto que no mes de marzo o tempo medio de pago situouse en 14,5 días. Así, “Galicia sitúase de novo entre as comunidades que pagan antes, como xa sucedeu en 2018 e 2019, cando lideramos o tempo medio de pago a provedores en España”, apuntou.

Outra das medidas é a suspensión dos prazos para a presentación das autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD); de sucesións e doazóns (ISD) e os tributos do xogo. As autoliquidacións destes tres impostos cuxo prazo venceu a partir da declaración do estado de alarma -o pasado 14 de marzo-, ou vai vencer mentres dure esta situación excepcional, poderán ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020. Esta medida beneficiará cada mes a unhas 32.000 persoas e empresas.

Creación do fondo de continxencia

Por outra banda, Valeriano Martínez tamén destacou a creación dun fondo de continxencia específico para reforzar o gasto sanitario e social a consecuencia dos efectos negativos do coronavirus. A través deste novo fondo, a Administración galega atenderá as novas necesidades de gasto xurdidas polo COVID-19 no eido sanitario e social. Para dispoñer deste fondo a Xunta reprogramou gasto por 100 millóns de euros.

Esta achega extraordinaria está permitindo incrementar o gasto no SERGAS, que no Orzamento da Comunidade Autónoma en vigor superou por primeira vez os 4.100 millóns de euros, o máis alto da historia da Autonomía. Tamén servirá para reforzar o gasto no eido social, nomeadamente nas residencias de maiores, que tamén precisan máis necesidade de gasto por mor dos efectos negativos do coronavirus. Ademais, Galicia conta con dispoñer de 36 millóns de achegas do Goberno central a través do incremento de fondos finalistas.

Fase de reactivación

O conselleiro avanzou que a Xunta xa está a traballar na fase de reactivación económica, e lembrou medidas como a reactivación da obra pública dependente da Xunta de Galicia, a licitación de contratos do transporte público, a mobilización de préstamos entre o tecido empresarial galego ou a decisión de avalar anticipos de ata 1.500 euros aos traballadores cun ERTE autorizado e que non cobraran aínda a prestación do Goberno central.

Ademais, destacou a posta en marcha dunha Comisión de Expertos Económicos, cun perfil plural, para contar co seu asesoramento sobre como minimizar o impacto da crise derivada da pandemia e preparar a reactivación. Precisamente, este comité xa vén de formular un primeiro paquete de medidas consistente nunha vintena de propostas para achegar liquidez ás empresas galegas.