Facultativos do Centro de Saúde de Taboada Leal reciben formación sobre ecografias de tiroide

A sesión, impartida polo Servizo de Endocrinoloxía do CHUVI, intégrase dentro do proxecto CANLES de colaboración entre Atención primaria e hospitalaria
Publicado por o día 24/02/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Facultativos do Centro de Saúde de Taboada Leal reciben formación sobre ecografias de tiroide

Facultativos do Centro de Saúde de Taboada Leal participaron nunha sesión formativa sobre a realización de ecografía de tiroides. A formación correu a cargo do doutor Manuel Penín, do Servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).

O principal obxectivo da sesión foi dar a coñecer aos facultativos de primaria dese centro de saúde as últimas novidades e técnicas para obter a maior información da doenza do paciente mediante a realización das ecografías de tiroide.

A sesión de formación serviu, ademais, para resolver dúbidas e intercambiar opinións entre os facultativos sobre esta técnica diagnóstica.

Este curso está enmarcado no Proxecto Canles -liña estratéxica de mellora da comunicación da Atención Primaria cos hospitais, e que recolle as medidas concretas acordadas para mellorar a coordinación e acortar os tempos de resposta e resolución aos pacientes-.

Precisamente, o Centro de Saúde de Taboada Leal recibiu un novo ecógrafo, dos tres que adquiriu o Sergas para a área Sanitaria de Vigo, o pasado mes de novembro. Os outros dous destináronse aos centros de saúde de Teis e Sárdoma. Os novos ecógrafos se integran no importante investimento que o Sergas está a realizar na dotación de novos equipos para os centros de saúde da área viguesa, cumprindo así cunha das das medidas a corto prazo contempladas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 aprobado o pasado mes de maio.

Esta actuación respondeu á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito da Atención primaria, mediante a renovación do material de diagnóstico obsoleto das consultas dos centros de saúde do Sergas así como a dotación do equipamento necesario.

A renovación dos ecógrafos posibilita a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica, de tiroides e de aorta e grandes vasos, que permiten ao profesional de Atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Unha proba cada vez máis frecuente

A ecografía de tiroide é unha proba diagnóstica que se utiliza para comprobar o estado da glándula tiroidea nos pacientes con sospeita de alteracións na mesma.

Normalmente os facultativos solicitan as ecografías de tiroide unha vez que as análises clínicas detectan anomalías nos valores dos niveis de hormonas T3 e T4, da TSH (hormona estimulante da glándulatiroides) e ás veces tamén de anticorpos antitiroideos.

Mediante a ecografía pódese determinar o tamaño e a forma da tiroides, así como a posible presenza de nódulos na mesma. A información achegada por esta proba serve de base ao facultativo para determinar o tratamento posterior a seguir co paciente.

“Os nódulos na glándula tiroidea son moi frecuentes e a ecografía de tiroide é unha ferramenta para realizar un correcto diagnóstico e poder realizar con posterioridade outro tipo de probas como pode ser a biopsia en caso de sospeita de cancro de tiroide; por iso a importancia de que se poida realizar nos propios centros de saúde”, explica o doutor Penín.

O endocrinólogo do CHUVI subliña que “as alteracións da tiroide sempre estiveron aí; agora ocorre que se detectan máis casos porque se realizan máis e mellores probas diagnósticas”.