Falan os comités de empresa de Seaga respecto do lume forestal declarado na provincia da Coruña

Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Medio Ambiente,Sindicatos

Arde Galiza no comezo da primavera. Coas actuais condicións climáticas e co vento do nordés, e a condición de alto risco declarada dende onte. A provincia da Coruña arde de punta a punta dende Dodro, Rianxo, Lousame e Noia.

A Consellería de Medio Rural retiroulle a Seaga a encomenda de incendios en aras dunha suposta unificación do servizo que non dá chegado. Máis de 500 bombeiros forestais de Seaga experimentados e profesionais están na casa. Os compañeiros/as de Seaga do distrito IV onde se atopa o lume de Dodro-Rianxo, que ameaza vivendas, coñecen o terreo coma a palma da man, pero non son chamados a traballar. O incendio afectou xa a máis de 500 hectáreas, pero a única solución que aporta hoxe a Consellería para frear esta vaga de lumes é o despregue da UME.

Semella que agardan a que a situación estea fora de control para mobilizar as brigadas do SPDCIF e de Seaga. Está claro que se se fixo en outubro do 2017 tamén se pode facer agora. A eficacia dos compañeiros/as que traballan e coñecen os terreos que están a arder e indiscutíbel.

Neste ano 2019 xa arderon máis hectáreas que en todo o 2018; arde o monte en inverno e na primavera. Cando pensa tomar medidas o conselleiro de Medio Rural? Que fará en xuño coas 600 novas prazas de reforzo? Quen as vai a cubrir? O que está claro é que os brigadistas de Seaga non…

A modificación do decreto que debera puntuar a experiencia na extinción está parada en Función Pública. Existen intereses ocultos para que non se publique para que os de Seaga queden fóra do servizo de extinción? Por que non se cumpre con aquela afirmación da Consellería de que queren contar cos traballadores/as con máis experiencia? Os responsábeis autonómicos teñen que
explicar que queren facer co servizo de extinción, porque está claro que improvisan e que queda moito que facer para ter un servizo único, público e de calidade no SPCDIF.

Este ano 500 brigadistas experimentados quedarán fora da extinción dos lumes!

Seaga Solución!
Comités de Seaga da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra