Falece en Cualedro despois de saírse da vía co vehículo que manexaba

Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Sucesos

Falece en Cualedro despois de saírse da vía co vehículo que manexaba

Un home faleceu esta tarde despois de saírse da vía co seu turismo ao paso do termo municipal ourensá de Cualedro (Ourense).

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Verín, que tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar á vítima do interior do turismo.

O accidente ocorreu sobre as 15:00 horas desta tarde, na OU-1020, punto quilométrico 8, no lugar de A Salceda, en Lucenza. Foi a esa hora, cando os axentes de Tráfico solicitaban ao 112 Galicia asistencia sanitaria e medios de excarceración para este sinistro.

Decontado, os profesionais do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, deron conta da situación aos servizos sanitarios de urxencia e  aos Bombeiros de Verín. Tamén,  informaron ao GES de Laza e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar, os Bombeiros confirmaron a excarceración do condutor –falecido- e único ocupante do vehículo.

Dous feridos en Bergondo
Así mesmo, uns minutos antes, case ás 15:00 horas, o CIAE tamén era informado doutro accidente moi preto do Polígono de Bergondo, na AC-164.  Neste caso, segundo  indicou a Policía Local, tratouse dun choque entre tres vehículos e dúas persoas resultaron feridas.

O 112 Galicia nada mais recibir o aviso, puxo en alerta aos Bombeiros de Betanzos e, ademais, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil.

Unha vez no lugar, os membros de extinción indicaron que non foi preciso o uso do material de excarceración pero sí tiveron que extinguir o lume que se produciu no vehículo debido ao impacto. Unicamente, afectou ao motor do turismo. Indicaron, ademais, que os dous feridos foron trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.

Accidente en Sober
Por outra banda, pasados uns minutos das 18:00 horas, o 112 recibía a chamada dun particular que informaba da saída de vía dun vehículo no lugar de Telleiros, en Refoxo, no concello lucense de Sober. Indicaba que o coche chocara contra unha árbore e quedou nun regato. Ademais, había unha muller á cal non podían acceder. Así, con estes datos, dende o 112 ademais de requerir a intervención dos servizos sanitarios de urxencia, pasouse aviso aos Bombeiros de Monforte. Do mesmo xeito, informouse dos feitos á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

​Nestes intres, os servizos de emerxencia traballan no lugar dos feitos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.