Falece un home en Curtis ao quedar atrapado debaixo dunha carretilla elevadora

Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Sucesos

Falece un home en Curtis ao quedar atrapado debaixo dunha carretilla elevadora

Un home faleceu esta tarde en Curtis mentres traballaba cunha carretilla elevadora. Segundo puido saber o 112 Galicia, o varón perdeu a vida ao quedar atrapado debaixo da máquina.

O accidente ocorreu no cruce de Sesmonde ás 18:00 horas. Ata o lugar dos feitos achegouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que foi mobilizado polo 061-Urxencias Sanitarias.

Foi o persoal sanitario quen alertaba do sucedido ao 112 Galicia. Nada máis recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias  (CIAE) 112 Galicia informábase do accidente aos Bombeiros de Betanzos, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Curtis e á Garda Civil.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o corpo do home atopábase accesible no momento en que os servizos de emerxencias chegaron ao lugar. Os efectivos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida ao varón.

Unha persoa ferida nunha saída de vía en Pontevedra

Unha saída de vía en Pontevedra saldouse esta tarde cunha persoa ferida. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os feitos ocorreron no lugar de Casal, na parroquia de Campañó, ao fío das 16:30 horas.

Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do accidente a través do 061-Urxencias Sanitarias.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxo a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Pontevedra  e de Protección Civil.

Restablecida a circulación na A-55

Por último, as condicións de seguridade para a circulación na A-55 quedaron totalmente restablecidas despois de que un camión que transportaba chatarra envorcase no punto quilométrico 12 da autovía, sentido Tui. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a ferralla quedou esparexida nos carrís do sentido contrario da circulación, é dicir, sentido Vigo.

Debido ao accidente o tráfico viuse interrompido e, ademais, cinco vehículos que se desprazaban en  sentido contrario ao sinistro resultaron danados. De feito, unha muller que viaxaba nun deses turismos tivo que ser atendida polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias despois de sufrir un golpe na cabeza.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 8:40 horas de hoxe, cando varios particulares que circulaban nese momento pola autovía contactaban co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Acto seguido, dende o CIAE pasábase o aviso aos Bombeiros do Baixo Miño, ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.

Unha vez no lugar do accidente, os servizos de emerxencias e as forzas da orde restableceron as condicións de seguridade na autovía, que quedou totalmente aberta á circulación ao fío das 13:45 horas.