Falece un motorista tras sufrir un accidente en Cangas

Publicado por o día 16/07/2020 na sección de Galicia,Cangas,Sucesos

Falece un motorista tras sufrir un accidente en Cangas

Un motorista faleceu este mediodía tras sufrir un accidente co seu vehículo na PO-315, ao seu paso polo concello pontevedrés de Cangas.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ao recibir o aviso dun sinistro na parroquia de Aldán. A chamada de alerta ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia foi realizada por unha central de seguridade que detectou o impacto a través dun sistema automatizado do propio vehículo.

Ao detectar o accidente e constatar a imposibilidade de establecer comunicación co motorista, desde o sistema de seguridade do vehículo se puxeron en contacto co 112 Galicia para informar do suceso.

Igualmente, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local chamaron ao 112 para indicar que se dirixían cara ao punto quilométrico 10 da PO-315 tras ter constancia dun sinistro cunha moto nesta mesma localización.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Pese aos esforzos dos equipos de emerxencias desprazados ata o lugar dos feitos, só puideron confirmar o falecemento do único ocupante do vehículo.

Co fin de garantir as condicións de seguridade na vía, os xestores do 112 pasaron aviso aos membros de Protección Civil de Cangas e tamén ao servizo de mantemento das estradas.