Falece un operario ao envorcar a máquina que manexaba en A Fonsagrada

Publicado por o día 25/04/2020 na sección de Sucesos

Un operario faleceu este mediodía no concello lucense da Fonsagrada. Ata o lugar acudiron decontado os servizos sanitarios de urxencia pero nada puideron facer máis que confirmar o falecemento da persoa.

Todo sucedeu sobre as 12:30 horas deste sábado cando o operario realizaba  o seu traballo na canteira de Vilarchao, en Lamas de Campos. No momento de producirse o accidente, o home manexaba unha máquina de grandes dimensións, do tipo dunha retroescavadora, que tras envorcar, deixou ao traballador atrapado baixo a máquina no interior dun pozo.

A situación presentouse moi complexa para liberar ao falecido, debido ao estado do terreo onde ocorreron os feitos.

Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda e, a partir de aí, púxose en marcha un dispositivo formado polos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Sarria, Garda Civil e efectivos de Protección Civil da localidade, que tamén acudiron axiña ao punto.

Así mesmo, formou parte deste operativo o persoal da empresa para a que traballaba o home.