Dous homes de idade avanzada perderon a vida a tarde de onte en Lalín despois de que o tractor co que circulaban envorcase nun camiño próximo á parroquia de Castro de Cabras.
O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta de varias persoas particulares que atoparon o vehículo envorcado ao fío das 14:30 horas. Indicaban no seu relato que había dúas persoas atrapadas baixo o tractor.
Acto seguido, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, desde o CIAE-112 requiriuse a intervención dos Bombeiros do Deza, do GES de Lalín, da Garda Civil e da Policía Local.
Unha vez no lugar do accidente, os profesionais sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida aos dous homes accidentados.
A partir de aí, o persoal do 112 Galicia informou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) por se fose preciso asistir aos familiares das vítimas.
Noticias de última hora en Vigo