Falecen seis persoas nunha xornada en que Vigo se aproxima ao cento de positivos

Aumentan os contaxios novos nas últimas horas
Publicado por o día 13/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Falecen seis persoas nunha xornada en que Vigo se aproxima ao cento de positivos

O Sergas informa da morte de 6 persoas diagnosticadas con coronavirus e que estaban ingresadas nos hospitais galegos. Son un home de 77 anos e unha muller de 91 no Hospital de Ferrol;  unha muller de 71 anos e un home de 71 ingresados na Coruña, e unha muller de 87 anos e no Complexo hospitalario de Ourense que era usuaria da residencia San Antonio de Beariz e un home de 84 anos ingresado en Vigo.

A cifra de falecidos en Galicia desde o comezo da pandemia é asi de 1.312 persoas.

Os novos casos de coronavirus notificados este domingo con datos das 18:00 horas do sábado son 373 con diagnósticos por PCR, o que supón 72 positivos máis nas últimas horas. En total son 396 contaxios. Chegamos así a case 400 novas infeccións, cifras que non aparecían desde finais de novembro.

O Sergas informa de que hai 5.521 infeccións activas cunha baixada de nove sobre a xornada anterior. Ralentízase así a redución de casos activos en Galicia. Mellora lixeiramente a presión hospitalaria con 297 persoas en planta (-1) e 52 ingresados en críticos (-2).

As altas son 402 e realizáronse 7.895 probas PCR (+242).

Situación por áreas sanitarias

Os casos activos soben sobre todo en Santiago que rexistra 905 (+53) e na de Ourense que segue por riba dos catrocentos con 424 (+21); a maior baixada dáse en Lugo que rexistra 498 infeccións activas (-47).

Os novos contaxios soben en todas as áreas sanitarias, agás na da Coruña con 41 (-2) e na de Ferrol con 26 (-2), con especial incidencia en Vigo, que se aproxima ao cento de positivos con 98 (+46) e en Ourense con 63 (+18).

Do total de pacientes positivos, 52 están en UCI, 297 en unidades de hospitalización e 5.172 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 49.634 persoas curadas, rexistrándose 1.306 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 983.162.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

TOTAL GALICIA
DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS
NÚMERO DE CASOS
5.521
               271 usuarios
               169 profesionais
FALECEMENTOS
1.306
                232 en residencias

                324 en hospitais e residencias integradas

 

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.