A falla de cesións veciñais obriga ao Concello a retrasar o plan de obra de ampliación do Paseo do Louro

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anuncia que se recurrirá ao procedemento expropiatorio
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Galicia,Mos

A falla de cesións veciñais obriga ao Concello a retrasar o plan de obra de ampliación do Paseo do Louro

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Patrimonio e Servizos, Camilo Augusto, o edil mosense da parroquia de Louredo, Baldomero Lorenzo, a Secretaria Municipal e o técnico redactor do proxecto de ampliación do Paseo do Río Louro, reuníronse onte pola tarde no local social A Cividade con veciños/as da parroquia de Louredo afectados pola devandita ampliación. A falla de acordo por parte desta veciñanza para ceder voluntariamente os metros dos terreos polos que transcorrerá o novo tramo do sendeiro, obriga á administración local á recurrir ao procedemento expropiatorio, proceso que se iniciará co acordo plenario na primeira sesión ordinaria de 2018.

Levarase a aprobación incial ao Pleno da Corporación Municipal do mes de xaneiro o proxecto de expropiación no que se incluirán as parcelas afectadas, os metros afectados de cada parcela, os titulares das mesmas e a valoración económica dos metros cadrados a expropiar. Dito acordo plenario estará en exposición pública durante 20 días e lle será notificado individualmente aos propietarios. A continuación procederase á aprobación definitiva e por último sinatura por parte dos propietarios da acta de ocupación, tras a que se fará efectivo o acto de ocupación das parcelas por parte do Concello, previo pago do importe correspondente aos titulares expropiados. Nese momento os terreos expropiados pasan a ser titularidade do Concello e xa se poderían comezar as obras de ampliación do Paseo do Louro.

As obras, pola súa banda, levan un procedemento de licitación do que se encarga directamente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Organismo que, en base aos seus propios criterios técnicos, ambientais e xurídicos, aprobou o proxecto de ampliación do sendeiro presentado polo Concello e redactado en base aos devanditos criterios da Confederación.

Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km.

As condicións da actuación marcadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil esixiron deseñar unha senda fluvial fóra do Dominio Público Hidráulico.

O pavimento do novo tramo estará integrado co entorno natural, presentando un bo comportamento ante os procesos de desbordamento do Louro, coa mesma sección que funcionou augas abaixo, cun xabre estabilizado con calcín de vidro, tipo ‘Aripaq terrizo’, ou similar; e as zonas con pendentes fortes e pouco espazo, incluirán recuperación de itinerarios peonís existentes con técnicas ambientais sustentables.

Con esta actuación búscase permitir o bo funcionamento da escorrentía superficial, para o cal mellórase a adaptación da senda ó terreo natural, co menor movemento de terras posible.

Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribera e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados. A inversión total prevista ascende a 189.881,89 € (IVE incluído).

O novo tramo da senda fluvial terá a dobre finalidade de mellorar e ampliar a ruta fluvial do Río Louro con criterios ambientais e de accesibilidade, e de poñer en valor o patrimonio natural (o propio río) e cultural (muíños) existente, xa que serán máis accesibles para as persoas.

Os representantes municipais, Arévalo, Lorenzo e Augusto, explicaron que “os criterios de deseño procuraron proxectar un novo tramo de senda a executar pola marxe dereita do Louro, deseñado na medida do posible cun material ecolóxico, resistente, e integrado na contorna. O trazado da senda adáptase, na medida do posible, á orografía do terreo, minimizando o movemento de terras necesario para o caixeado, e mantendo inalterable o comportamento do río nos procesos de avenidas”.

No deseño das actuacións tivéronse en conta as directrices do recentemente aprobado PXOM mosense.