11/04 – Fallen Sentinel sorprenderanos este sábado na Sala Master co seu último traballo

Publicado por o día 09/04/2015 na sección de Eventos

Estamos a tan só dous días de poder desfrutar da presentación en directo do último traballo dunha das bandas de metal máis prestixiosas da cidade olívica: Fallen SentinelThe Main Soul, o último disco do grupo, chega cargado de ritmos que farán vibrar, sen lugar a dúbidas, a todos os asistentes que acudan ao concerto que terá lugar o sábado, 11 de abril, ás 22:00 na Sala Master en Vigo. Pero a cousa non queda aí, pois o sexteto vigués ten múltiples sorpresas para esta ocasión tan especial, como é a gravación profesional íntegra do concerto para o que será o seu próximo DVD contando, como non podía ser doutro xeito, coa participación do público asistente.

A devandita gravación será levada a cabo por Caleida Creaciones Audiovisuales e editarase en formato físico nun DVD que ademáis do concerto tamén incluirá diversos playthroughs dos novos temas da banda, entre outros moitos materiais inéditos que non deixarán indiferente a ninguén. Todos aqueles que queiran facer parte desta nova iniciativa da banda pódense achegar para facerse coa entrada anticipada a diversos puntos de venta tanto en Vigo (DZ Guitar, Tiendas Tipo, Hangar 77), como en Santiago (A Casa do Rock) e Coruña (Sham Rock) e aproveitar o prezo especial por venta anticipada de 7 € ou dirixirse directamente á taquilla da Sala Master no día do concerto e adquirila por únicamente 10 €.

Cabe resaltar tamén a campaña de crowdfunding mediante Verkami que tivo lugar por parte de Fallen Sentinel nestes días para apoiar a iniciativa do grupo vigués  na que conseguiron acadar unha cantidade moito superior á proposta grazas a unha ampla selección de ofertas de material propio de Fallen Sentinel, como camisetas, entradas, discos… destinada a cubrir os gastos da gravación do concerto, o deseño e a fabricación do DVD e das camisetas, sudaderas e discos e os envíos, comisións e impostos derivados.

Pero aínda hai máis a resaltar desta cita tan especial que terá lugar na nosa cidade esta fin de semana. Este sábado, 11 de abril, poderemos coñecer en directo os novos membros da gran familia Fallen Sentinel: Laura Zapatero ao teclado, Alejandro Melchor, <<Mou>>, á guitarra e Adrián Hernández, <<Krecho>> á batería, que se unen a Rubén Alonso no baixo e voz, David Zarandón na guitarra e Laura Comesaña no teclado e voz.

Desde NoticiasVigo animamos tanto aos xa fans como aos novos coñecedores do grupo a non perder esta cita tan especial cunha das bandas máis prestixiosas de Vigo, Fallen Sentinel, este sábado, 11 de abril, ás 22:00 na Sala Master, pois o espectáculo está máis que garantizado!