“Fame de Experiencias”, a campaña turística da Deputación 2019, gaña o seu oitavo galardón internacional no Terres Festival

Carmela Silva: “Estamos traballando moitísimo para apostar por un turismo sostible moi ligado á terra, á natureza e a esa fame de experiencias que as persoas do S.XXI buscamos”

O vídeo de promoción da campaña “Fame de experiencias” da Deputación de Pontevedra vén de acadar o seu oitavo galardón a nivel internacional no Terres Festival de Tortosa na categoría Films Turísticos, en concreto en “The best of – Gastronomic Experiences and Wine Tourism”. Este novo recoñecemento premia novamente a aposta da Deputación de Pontevedra por un modelo vangardista e sostible de promoción da provincia, despois dos premios recibidos en Fitur, nos Golden City Gate de Berlín, nos New York Festivals TV & Film Awards, no International Tour Film Fest de Bulgaria, no Festival de Turismo de Riga, no US International Film & Video Festival de Los Ángeles e no SilaFest de Serbia.

No vídeo que se emitiu na gala de entrega dos premios, que tivo que facerse online debido á pandemia, a presidenta provincial, Carmela Silva, mostrou o seu orgullo “porque estamos traballando moitísimo para apostar por un turismo sostible moi ligado á terra, á natureza e a esa fame de experiencias que buscamos as persoas do S.XXI nos territorios nos que vamos a desfrutar do tempo libre”. O audiovisual “Fame de Experiencias”, producido pola empresa Esmerarte, “é un traballo marabilloso centrado nas produtoras e produtores, nos produtos da terra e do mar, e feito cunha enorme calidade e sensibilidade”, enxalzou.

“Fame de experiencias” promove un turismo ligado ao territorio e ao produto e pon en valor o traballo de produtoras e produtores que traballan de forma artesanal e obteñen excelentes materias primas que enxalzan a gastronomía das Rías Baixas a nivel internacional. O audiovisual visibiliza o traballo das persoas anónimas, moitas delas mulleres, que extraen ou cultivan con grande esforzo diario os produtos de proximidade da provincia de Pontevedra, pero conta tamén coa participación de nomes de referencia da gastronomía das Rías Baixas coma Pepe Solla, a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, Yayo Daporta ou Rafa Centeno.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario