Famous e Ricky Merino “triunfan” no V Caldelas Xoven

Famous ofrece o primeiro directo do seu single “Bulla” en Ponte Caldelas, nun concerto que deu o pistoletazo de saída as Festas das Dores
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Famous e Ricky Merino “triunfan” no V Caldelas Xoven

Ricky Merino (Operación Triunfo 2017) e Famous (gañador de Operación Triunfo 2018)  deixaron pegada en Caldelas. Eran o prato forte do Caldelas Xoven e “triunfaron” co seu directo na Alameda. Centos de mozas e mozos asistiron a esta cita musical cuxo cartel protagonizaban os ex concursantes de Operación Triunfo.  Ricky Merino meteuse ao público no bolsillo co seu tema “Miénteme” mentres que Famous saíu pisando forte, e antes da chegada do seu último single, fixo que toda a Alameda bailase coa interpretación de Calypso. Despois, como dixemos, ofreceu o seu primeiro directo do seu single “Bulla”. Famous chegou a dicir que “non sei se o coñecerá moita xente, é un tema moi novo” pero ese medo xa se lle quitou en canto viu que o público demandaba esa canción dende a súa chegada ao escenario.  David Lafuente (ex integrante de Auryn) tamén deixou pegada coa interpretación do tema “Me llamas” (tema de Piso 21) e pola súa banda o artista da terra, o galego Brokktt non deixou a ninguén indiferente grazas ao seu “flow”. Eles e os DJ´S convidados fixeron que as mozas e mozos de Ponte Caldelas, e todos os que se achegaron ata alí na noite do venres, desfrutasen moitísimo do pistoletazo de saída das Festas das Dores.

O sábado arrancará a xornada con pasarrúas dende media mañá, pasando polo Festival Folcrórico Internacional que terá lugar ás 20:30 na Alameda e onde participarán, unha das bandas organizadoras, Os Coribantes xunto co grupo folcrórico “Chispa” de Plasencia e o Rancho Folcrórico Campanha de Oporto, máis de 150 artistas daránse cita neste evento. E xa ás 23:00 chegará un dos momentos máis agardados, a verbena na Alameda que contará coa orquestra Superfama e o grupo América que deleitarán aos asistentes coas súas versións dos clásicos do rock.

O domingo os pasarrúas volverán a encher de son e ritmos as rúas deste pobo, e pola noite actuará unha das orquestras de máis prestixio da xeografía galega, a partir das 22:30 ofrecerá o seu mellor directo a Orquestra Olympus.

O luns tamén se presenta con moita actividade, e ademais de pasarrúas e o concerto da Banda de Música, ás 21:00 terá lugar o Festival “Son de Ponte Caldelas” unha cita, que terá lugar na Alameda, e que está organizada pola  Banda de Gaitas Os Coribantes e que contará coa participación dos diferentes grupos musicais do municipio. A verbena, que comezará ás 00:00 estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e varios DJ´s.

O martes, 28 de agosto, é un dos días con máis tradición nesta Festa das Dores de Ponte Caldelas, un día que ven completo de actividades con pasarrúas, concerto da Banda de Redondela e ás 20:00 terá lugar a misa solemne na honra de San Roque, unha misa que será cantada pola Coral Valdarrosa, do concello. A continuación  sairá a procesión que estará acompañada pola  Banda de Gaitas Os Coribantes e pola Banda de Guerra da BRILAT. O día estará completo para rematar cunha verbena que dará o seu comezo ás 23:00 e pechará o seu telón, tal e como manda a tradición, ás 8:00 da mañá. Son moitas horas de festa pero, tal e como asegura o alcalde, ” a diversión estará asegurada co Combo Dominicano enriba do escenario, e as orquestras La Oca Band e Nevada Band”. Andrés Díaz ten claro que será “un espléndido broche de ouro para estas festas de todas e de todos os veciños”.

O mércores 29 pequenos e mozos poderán desfrutar do Día do Neno coa atraccións infantís das festas a prezo reducido.

Neste senso o alcalde de Ponte Caldelas tamén quixo lembrar que as fichas de cortersía, que os propietarios das atraccións lle dan ao concello, xa se lle entregaron a 54 nenas e nenos pertencentes a familias en risco de exclusión social, unha medida que Díaz considera “necesaria co fin de que estas familias desfruten das festas en igualdade e sen discriminacións”.

O alcalde de Ponte Caldelas convida a todo o mundo a que veñan e desfruten das Festas das Dores “en Ponte Caldelas se sentirán coma na casa, somos un pobo acolledor, e a diversión e bo ambiente durante estes días está máis que garantido”.