Farmacia hospitalaria controla a medicación de 1800 residentes dos centros de maiores da área sanitaria de Vigo

Mantén convenios con 13 residencias da área, a través dos que os farmacéuticos do Chuvi realizan un control integral da medicación de cada un dos residentes deses centros
Publicado por o día 10/03/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Farmacia hospitalaria controla a medicación de 1800 residentes dos centros de maiores da área sanitaria de Vigo

O servizo de Farmacia Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) está a potenciar a atención aos centros sociosanitarios de maiores da Área Sanitaria de Vigo, unha iniciativa que naceu hai anos e que foi pioneira en España.

O servizo mantén convenios para a atención farmacolóxica con 13 residencias de maiores da Área, “o que representa algo máis da metade dos centros sociosanitarios que funcionan na nosa área”, explica a farmacéutica especialista Yaiza Romero. Isto supón que prestan atención para a medicación a máis 1.800 persoas que residen nestes centros de Vigo e a súa contorna.

Esta atención abarca desde xestión loxística ata o asesoramento no uso de determinados medicamentos ou tratamentos que adoitan prescribirse polos facultativos en pacientes de idade avanzada que viven nestes centros.“Desde o servizo se coordina a dispensación de medicamentos e se fai o seguimento dos tratamentos de cada un dos residentes ”, explica a xefa do servizo de Farmacia Hospitalaria do CHUVI, Guadalupe Piñeiro.

Grazas a este modelo tense constatado unha diminucións dos ingresos hospitalarios dos residentes nos centros cando se produce algunha descompensación provocada polos medicamentos que toman, xa que se pode corrixir desde a propia residencia. Ademais, optimiza a farmacoterapia e mellora a seguridade dos pacientes.

Un profesional para cada residencia

A vantaxe fundamental deste procedemento é o control integral da medicación dos residentes. Para isto, cada un deste centros ten asignado un profesional do servizo coa misión de asegurar que os tratamentos que reciben sexan os axeitados.

En moitos casos trátase de pacientes que teñen enfermidades crónicas e que están polimedicados.

“Son persoas que padecen máis dunha patoloxía, incluso con incapacidades físicas, o que conleva que o risco de reaccións adversas entre fármacos sexa elevado, por iso é bo dispoñer dun control xeral sobre cada un deles”, subliña Guadalupe Piñeiro.

Así, a maioría das intervencións que se fan son, sobre todo, axustes neses tratamentos para evitar posibles efectos adversos, que poderían pasar desapercibidos si non se fixese o seguimento.

Os pacientes dos centros sociosanitarios precisan, maioritariamente, medicamentos para a diabetes, para o Alzheimer, anticoagulantes o psicofármacos.

Docencia

O modelo que se utiliza na área Sanitaria de Vigo é motivo de seguimento noutras zonas de España. Por esa circunstancia o servizo de Farmacia Hospitalaria decidiu, hai anos, realizar cursos para formar a farmacéuticos de hospitais e de centros de saúde para que poidan prestar estes servizos nos centros sociosanitarios das súas zonas de influencia.

Son xa sete os cursos de formación que impartiu o servizo vigués, cun notable éxito. Nos cursos participan como relatores, ademais de farmacéuticos do propio servizo, especialistas en psiquiatría, pneumoloxía ou xeriatría. Tamén, as veces, traballadores sociais ou responsables das propias residencias.

Os relatorios abordan aspectos como a interrelación coa xeriatría, o uso seguro e eficiente do medicamento nas persoas de idade avanzada, os sistemas intelixentes de toma de decisións nas prescricións, os tratamentos en accidentes ou caídas dos anciáns, a abordaxe farmacolóxica da deterioración cognitiva, o uso de antiinfecciosos nas residencias, o manexo adecuado das terapias respiratorias accesorias, os problemas derivados da anticoagulación ou as claves para o envellecemento activo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.