A Federación Galega de Taxi trasladalle a En Marea a preocupación pola regulación do transporte incluída nos Orzamentos da Xunta

En Marea considera que o Goberno galego debe deixar de “poñer parches” e afrontar sen máis dilación un debate político, social e sectorial para a elaboración dun Plan de Transporte Público para Galicia.
Por o 21/12/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
A Federación Galega de Taxi trasladalle a En Marea a preocupación pola regulación do transporte incluída nos Orzamentos da Xunta

Representantes da Federación Galega de Autónomos do Taxi mantiveron unha xuntanza esta mañá co vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez e co deputado Marcos Cal para manifestarlle a súa preocupación polo  novo regulamento incorporado aos Orzamentos do 2017, mediante a Lei de Acompañamento, en materia de transporte público, pois consideran que os prexudica e, sen contar coa súa opinión, favorece a penetración das  empresas de autocares en servizos que eles poderían prestar.

Fegataxi trasladou a súa disconformidade coa disposición adicional segunda que dí que “os contratos de xestión de transporte público poderán prever a prestación parcial de servizos públicos de transporte mediante outros vehículos turismo de nove prazas que o contratista deste servizo adscriba exclusivamente á a súa prestación”.

En Marea recolleu as solicitudes da Federación Galega de Autónomos do Taxi e anunciou que solicitará a supresión das novas normas en materia de transporte incluídas nos Orzamentos para o vindeiro exercicio. “A Xunta, só responde ante os intereses empresariais, que poden ser lexítimos pero non deben de estar por riba do interés público. Está incluíndo pola porta de atrás e a través de parches regulación en materia de transporte, eludindo o cumprimento de sentencias xudiciais coma a do Tribunal Supremo de anular a prórroga por dez anos concencida en 2010 a 129 concesións de transportes de viaxeiros en Galicia, e cunha ausencia de planificación total”, sinalou Antón Sánchez.

O vicevoceiro de En Marea tamén reinvidicou a necesidade urxente de contar cun Plan de Transporte Público de Galicia que garanta servizos de calidade á cidadanía e deixe de xerar incertezas nos diferentes sectores involucrados. “Non se trata só de responder a intereses empresariais, senon de afrontar  sen máis dilación o debate dun modelo de transporte público para Galiza na súa integridade, e aí deben de entrar as forzas políticas e a sociedade. Non podemos seguir dando paus de cego cun servizo esencial como é o transporte público e o debate sobre a súa ordenación non ten que saír dun despacho, senón facelo aberto e participado por todas as persoas implicadas, tendo en conta as particularidades do rural galego”, demandou Antón Sánchez.

COMPARECENCIAS NA COMISION 3ª

Na comisión 3, de Economía , Facenda e Orzamentos, para presentar os orzamentos par ao vindeiro ano da Axencia Galega de Turismo e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). O deputado de En Marea, Francisco Casal, salientou a necesidade de que a Axencia Galega de Turismo saque un maior partido ao capital humano de alto nivel que ten e a especializar máis os gastos e investimentos, sobretodo en innovación para conseguir un incremento de calidade do noso Turismo que redunde nun maior aporte ao PIB e sobretodo a un incremento do emprego de calidade ligado a esta actividade. Na súa intervención na Comisión de Facenda no Parlamento de Galicia, o deputado de En Marea denunciou a situación de precariedade e perda de empregos no sector. (Enlace á intervención do deputado Francisco Casal: https://www.youtube.com/watch?v=RpyACo9yiq8)

No relativo ao AGADER, a deputada Paula Quinteiro na súa intervención sinalou o feito de que nos 15 anos de vida da axencia non logrou cumprir os obxectivos para os que foi creada como é promover o desenvolvemento rural e frear o despoboamento. A deputada de En Marea ante os datos de perda de empregos, de peche de explotacións ou de despoboamento, asegurou que “temos un rural galego que cada ano está máis despoboado, no que hai máis terras a ermo, e que contamos cun sector agrario máis e máis precario“. Paula Quinteiro lamentou que nos últimos oito anos de goberno do PP, as súas políticas e os seus orzamentos, demostráronse errados para potenciar o desenvolvemento do rural de Galicia. En Marea entende necesario aumentar as partidas orzamentarias que melloran a vida das persoas que viven no rural galego e deixar de destinar os nosos recursos ao pago da débeda, o único que semella preocupar ao Partido Popular. “Deixemos de ver o rural como un caladoiro de votos, e mirémolo como un axente de creación de emprego, riqueza, benestar e progreso“concluíu a deputada de En Marea.