Federico Fernández fará unha sesión infantil de Pinchadiscos en Libros para Soñar

Publicado por o día 30/12/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Federico Fernández fará unha sesión infantil de Pinchadiscos en Libros para Soñar

O ilustrador vigués Federico Fernández visitará LIBROS PARA SOÑAR este mércores 3 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, para realizar unha sesión de pinchadiscos dirixida a público infantil. Esta primeira actividade de 2018, con entrada libre, enmárcase no singular contexto de “Balea”, un libro despregable publicado en formato acordeón por KALANDRAKA e do que Federico Fernández é co- autor, xunto con Germán González.

A música contemporánea e a cultura do grafiti están na cerna desta obra visual e sen texto que, dun lado, presenta a figura dun cetáceo mecánico sumerxido no mar mentres que, dándolle a volta á páxina, aparece o interior da máquina, dividida en numerosos compartimentos nos que uns personaxes ataviados de amarelo desempeñan diversas funcións: manexar os mandos do aparello, realizar tarefas de mantemento e reparacións, lavar a roupa, cultivar a horta, facer ximnasia, tocar instrumentos musicais…

Con esta proposta dirixida a público de todas as idades trátase de estimular a creatividade dos lectores, para que imaxinen que acontece en cada estancia da balea e como interactúan os seus habitantes. Máis dun cento de posibles historias atópanse nesta orixinal publicación.

Ataviado co traxe amarelo que caracteriza os personaxes do libro, Federico Fernández ofrecerá un divertido espectáculo de sons e música, ademais de asinar exemplares.

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Federico Fernández é profesor na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Gañou o 1o Premio Nacional de Ilustración 2001 pola obra “Onde perdeu Lúa a risa?”, editada por KALANDRAKA, onde tamén ten publicados títulos como “Aurelio” e “Chibos chibóns. Xunto con Germán González, forma parte do equipo de promotores do espazo artístico vigués El Halcón Milenario.