FEGADACE conmemora o Día Nacional do Dano Cerebral cunha ‘Xornada sobre o DCA’ en Compostela

Entrega do V Premio FEGADACE – Miguel Blanco, concedido á xornalista María Escario.
Publicado por o día 11/10/2017 na sección de Galicia,Salud,Santiago

FEGADACE conmemora o Día Nacional do Dano Cerebral cunha ‘Xornada sobre o DCA’ en Compostela

A Federación Galega de Dano Cerebral organiza, o 27 de outubro, unha Xornada de reflexión sobre a abordaxe e as consecuencias do DCA na que, ademais, se vai facer entrega do V Premio FEGADACE – Miguel Blanco. Esta ‘Xornada sobre o dano cerebral adquirido’ forma parte do ciclo de conmemoracións do Día Nacional do Dano Cerebral (26 de outubro) e do Día Mundial do Ictus (29 de outubro), as principais efemérides para o movemento asociativo do DCA.

Amplo abano de conferenciantes e apoio institucional

A Xornada sobre o dano cerebral adquirido, aberta a todos os públicos, realizará unha completa abordaxe do percorrido vital das persoas con dano cerebral adquirido. Vai ter lugar na sede de Afundación desde as 09:00 do venres, 27 de outubro. A inauguración será realizada polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey.

A continuación, o coñecido divulgador Álvaro Bilbao, neuropsicólogo do Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC), impartirá a conferencia inaugural sobre ‘Rehabilitación e DCA: que esperan as familias?’. Trala súa intervención, a xefa de área de Atención a Vítimas de accidentes de tráfico da DGT, Mª José Rodríguez de Armenta, falará do traumatismo cranioencefálico en accidentes de tráfico como segunda causa do dano cerebral.

Despois dunha pequena pausa de descanso, a actividade retómase ás 12:00 coa intervención de Alfonso Alonso Fachado, subdirector xeral de Planificación e Programación Asistencial do Sergas, que falará sobre o Plan Ictus. Por último, Benito López-de Abajo, Xefe de Servizo de Clínica Médico Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), falará sobre ‘Tutela e Curatela’.

O peche da xornada será a entrega do V Premio FEGADACE – Miguel Blanco. É tradición que a persoa premiada o ano anterior entregue o galardón, polo que a xornada contará coa presenza da xefa provincial da DGT na Coruña, Victoria Gómez. Para finalizar, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, realizará a clausura institucional.

A inscrición na ‘Xornada sobre o dano cerebral’ permanecerá aberta ata completar o aforo. Pódese
tramitar neste formulario.

Premio FEGADACE – Miguel Blanco: María Escario, a quinta galardoada  FEGADACE entrega cada ano un galardón que recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social
implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o DCA. Ao escoller a María Escario a Federación recoñece o seu papel referencial como personaxe público, que serve de exemplo, espello e apoio ás máis de 35.000 persoas que teñen dano cerebral adquirido en Galicia.

A apatía, a depresión e a desorientación son secuelas (xunto coas motoras, orgánicas, sensoriais ou cognitivas) moi habituais nas persoas con dano cerebral. Contar con referentes como o da xornalista deportiva, que falou abertamente do seu caso e afrontou con naturalidade a volta á súa contorna laboral, é moi importante para o colectivo que representa FEGADACE.

Este premio comezou a entregarse en 2013, e, desde o ano pasado, inclúe no seu nome o de Miguel Blanco, o coñecido neurólogo que dirixiu a Unidade de Ictus do Hospital Clínico de Santiago e que foi estreito colaborador de FEGADACE ata o seu falecemento, repentino e prematuro, en 2015. Ata hoxe a Federación premiou o programa da Radio Galega ‘Convivir en Igualdade’, o neurólogo Miguel Blanco, a Fundación Barrié e a Dirección Xeral de Tráfico.

Día do Dano Cerebral e Día do Ictus: semana de actividades

A semana do 26 ao 29 de outubro é a máis importante para o movemento asociativo do dano cerebral. Todas as asociacións organizan actividades, nas que se le o manifesto reivindicativo que cada ano publica FEDACE, a entidade de referencia a nivel estatal. Ademais da Xornada sobre o DCA, en Galicia as cinco asociacións organizan actividades conmemorativas a nivel local. ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, ten previsto organiza unha charla sobre o DCA na residencia Sarquavitae o día 23, vai presentar o seu calendario de 2018 o día 24, e colocar mesas informativas no hospital Abente e Lago o día 25 pola mañá. Ademais, o día 26 organiza a súa tradicional Xornada de Deporte Adaptado, na que se vai ler o manifesto. O Día do Dano Cerebral tamén van colocar mesas informativas no hospital de Oza de 09:30 a 19:30.

No Día do Ictus organizan un mercadiño solidario e mesas informativas na Praza de Vigo, en horario de 10:00 a 14:00. Van sortear catro pares de entradas para o Palco VIP do partido do Deportivo vs. Atlético de Madrid do 5 de novembro, e outras dúas máis para o Socio do Ano. A programación de ADACECO péchase o 2 de novembro coa actuación da Unidade de Música do cuartel xeral da forza loxística operativa no Salón de Actos do Sporting Club Casino, na rúa Real, ás 20:00.

Pola súa banda, Renacer, a Asociación de Dano Cerebral de Ourense, centra os seus esforzos no 26 de outubro para colocar mesas informativas no CHUO e no hospital de Verín de 10:00 a 13:00, e unha carpa informativa na rúa do Paseo de 10:00 a 20:00.

As asociacións de Lugo, Santiago e Vigo (ADACE Lugo, Sarela e Alento, respectivamente), están ultimando os detalles das súas programacións, que se farán públicas en breve.