FEGADACE imparte un obradoiro para coñecer e afrontar o dano cerebral no Congreso de Pacientes de Semergen

Será mañá pola tarde, de 18:00 a 20:00, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Publicado por o día 03/05/2017 na sección de Sanidad,Vigo

FEGADACE imparte un obradoiro para coñecer e afrontar  o dano cerebral no Congreso de Pacientes de Semergen

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vai participar, os vindeiros 4 e 5 de maio, no V Congreso de Pacientes Crónicos de Semergen (Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria), que vai ter lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. O congreso ten como lema ‘Pacientes onte, protagonistas hoxe’ e como obxectivos a formación e a promoción da participación activa no sistema de saúde dos e das pacientes crónicas.

FEGADACE, como representante do colectivo de persoas e familias con dano cerebral adquirido, vai participar activamente no congreso. En concreto, na tarde de mañá, xoves 4 de maio, vai impartir o obradoiro ‘Coñecer o DCA e como afrontalo’, de dúas horas de duración.

Ao longo da sesión, a neuropsicóloga de Alento (a Asociación de Dano Cerebral de Vigo), Amparo Rodicio, exporá as causas e efectos do dano cerebral; a coordinadora de FEGADACE, Lucía Mendoza, achegará datos sobre incidencia e cobertura dos servizos asistenciais, e presentará a Federación; e, por último, o director de Alento, Gonzalo Mira, falará sobre a situación da persoa e da familia e detallará as características do seu modelo de intervención. O obradoiro comeza ás 18:00 no Salón de Actos.

Ademais dos obradoiros, relatorios e debates, Semergen habilitou unha área do congreso, no recibidor do Pazo de Congresos, para o ‘Circuíto da Saúde’. Trátase dunha pequena feira de experimentación e exhibición sobre tratamentos, servizos e recursos, na que FEGADACE e Alento estarán cun posto informativo. En concreto, poderase visitar mañá de 12:30 a 14:00 e de 16:00 a 17:30, e o venres de 9:30 a 12:00.

Na páxina web do Congreso pódese consultar o programa completo, que inclúe a participación de máis asociacións de pacientes e de persoas con discapacidade: http://congresopacientescronicos.com/.

FEGADACE considera o congreso un foro de grande importancia para sensibilizar tanto ao persoal médico como aos e ás pacientes sobre a realidade do dano cerebral e a prevención do mesmo –especialmente da súa principal causa, o ictus-. Igualmente, anima aos medios de comunicación a asistiren e coñecer máis de preto a situación na que viven as persoas e familias con DCA.