FEGADACE inaugura o 20 de marzo a exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’

A mostra poderase visitar en Campus Stellae (Compostela) ata o 30 de abril.
Por o 14/03/2018 | Sección: Eventos
FEGADACE inaugura o 20 de marzo a exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’

A Federación e as asociacións galegas de dano cerebral queren achegar á cidadanía a realidade das persoas e familias con dano cerebral adquirido (DCA). Para iso FEGADACE vai estrear en Santiago de Compostela, o vindeiro 20 de marzo, unha curtametraxe e unha colección de fotografías nas que as persoas con dano cerebral abren as súas portas, amosando que o DCA non é un punto final. Que é un ‘Punto e Seguido’ para unha nova vida.

A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro de FEGADACE. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Compostela), que amosan o seu día a día, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia… en definitiva, a vida despois do punto e seguido que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

O vídeo, creado por Edición Rusa, conta con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas… Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Inauguración en Compostela

A inauguración vai ter lugar na Sala de Exposicións Campus Stellae (Praza da Quintana, 3 – Santiago de Compostela), o martes 20 de marzo, Día da Felicidade, ás 19:00 hh. Van intervir o autor das fotografías, Aigi Boga; unha das persoas con dano cerebral protagonistas do vídeo, Marco Pérez; o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández; e diferentes representantes institucionais.

FEGADACE quixo facer coincidir a inauguración da mostra co Día da Felicidade, pois este é un sentimento directamente vinculado coa calidade de vida, que é a principal preocupación das asociacións de DCA en canto ás súas persoas usuarias. Ao longo da curtametraxe e da colección de imaxes pódese comprobar como as persoas con dano cerebral exercitan os seus dereitos de participación social, autonomía e convivencia, garantes dunha calidade de vida que é condición para a plena satisfacción persoal, ou sexa, para a felicidade.

‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá visitarse ata o 30 de abril, de 9:00 a 20:00, na sala Campus Stellae. A continuación iniciará un percorrido que a levará, ao longo de 2018, ás cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. Proximamente iranse anunciando as datas e salas nas que se poderá visitar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.