Feijóo abordará con Pedro Sánchez os asuntos prioritarios para Galicia relacionados coa covid, o reparto dos fondos para as comunidades, a política industrial ou as infraestruturas

“Hai asuntos nos que é precisa unha postura estatal común, para establecer unha coordinación que creo que debe liderar a nova ministra de Sanidade”, incide o presidente do Goberno galego, que conversou onte con Carolina Darias
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

Feijóo abordará con Pedro Sánchez os asuntos prioritarios para Galicia relacionados coa covid, o reparto dos fondos para as comunidades, a política industrial ou as infraestruturas

Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, os asuntos prioritarios para Galicia que abordará co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, entre os que destacou os relacionados coa covid, o reparto dos fondos habilitados para as comunidades, a política industrial ou as infraestruturas.

“Hoxe aproveitamos o Consello para facer un balance dos temas que imos trasladarlle, con carácter xeral, ao presidente do Goberno, a maioría deles centrados no ámbito sanitario, pero tamén económicos ou de infraestruturas”, precisou.

Nese sentido, aseverou que, durante a xuntanza, incidirá na idoneidade de contar cunha Lei da pandemia: “Seguimos pensando que é necesario ter unha lei para ordenar a pandemia en España”, sinalou, ademais de reclamar a flexibilidade do toque de queda, pois “o Goberno está a tempo de rectificar, de acertar”.

Así mesmo, o titular da Xunta proporá a necesidade de ter criterios comúns en materia de teletraballo, para así reducir as interaccións sociais; e abordará o debate en torno ao uso da máscara FFP2, co fin de establecer unha posición conxunta de país, deixando claro á cidadanía en que casos se debe levar este tipo de máscaras e en que contextos debe ser obrigatoria.

“Estes son varios asuntos nos que é precisa unha postura estatal común, para establecer unha coordinación que creo que debe liderar a nova ministra de Sanidade”, incidiu Feijóo, que conversou onte con Carolina Darias.

Outra das cuestións que propoñerá ao xefe do Executivo é que retome as conferencias de presidentes, tendo en conta que estas reunións non teñen lugar desde outubro.

No que atinxe á vacinación, Feijóo insistirá na necesidade de contar cuns criterios ben definidos ao respecto do reparto das doses, de tal xeito que se adecúe á poboación diana de cada comunidade autónoma.

No eido económico, e en relación ao reparto dos fondos habilitados para as comunidades, o presidente galego reclamará ao Goberno que se fixen uns criterios homoxéneos. “Sobre a porcentaxe de poboación protexida que lle corresponde a Galicia e os fondos que foron distribuídos polo Goberno central, temos un déficit de 600 millóns de euros”, avanzou.

Tamén respecto aos fondos, pero neste caso aos Next Generation, trasladará ao presidente do Goberno todo o traballo feito xa por Galicia, con especial fincapé nos proxectos tractores que xa coñecen.

Fóra do ámbito da covid, Feijóo expoñerá outros asuntos que teñen importancia para a nosa Comunidade, como “a crise industrial como consecuencia da política enerxética de transición que está implementando o Goberno central”. Así, nesta materia, referirase á situación das Pontes e de Meirama, e tamén a Alcoa e á “urxencia absoluta de carga de traballo” que está afrontando Navantia na ría de Ferrol.

En materia de infraestruturas, o responsable do Executivo autonómico pedirá concreción sobre a posta en servizo do AVE a Madrid, así como información sobre os accesos ao Porto Exterior da Coruña, a saída sur de Vigo ou o AVE Lugo-Ourense. “E, por suposto, falaremos da rebaixa das peaxes da AP-9 e da súa transferencia”, dixo.

Finalmente, Feijóo abordará tamén a situación dun sector estratéxico como é o do turismo, e demandará un compromiso específico co Xacobeo 2021-2022.