Feijóo afirma que co Gran Montecelo os pontevedreses disporán dun hospital público máis amplo, máis humano e con capacidade para atender as necesidades dos próximos 50 anos

Coa previsión de que o ano que vén se licite e comece a execución da obra, que contará cun investimento de máis de 100 millóns de euros para o novo edificio e de 25 millóns para reformar o actual, asevera que a sanidade pública de Pontevedra estará preparada para atender as necesidades asistenciais dos próximos 50 anos
Por o 09/04/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra,Sanidad,Xunta de Galicia
Feijóo afirma que co Gran Montecelo os pontevedreses disporán dun hospital público máis amplo, máis humano e con capacidade para atender as necesidades dos próximos 50 anos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que co Gran Montecelo os pontevedreses disporán dun hospital público máis amplo, máis humano e con capacidade para atender as necesidades asistenciais dos próximos 50 anos; dunha atención sanitaria, en definitiva, máis moderna, áxil, próxima ao usuario e coa última tecnoloxía.

Coa previsión de que o ano que vén se licite e comece a execución da obra, que contará cun investimento de máis de 100 millóns de euros para o novo edificio e de 25 millóns para reformar o actual, Feijóo incidiu en que “esta nova infraestrutura non só será máis grande, con 120 camas máis, senón que tamén garantirá a atención e, coa mellor tecnoloxía dispoñible, dará forma á sanidade pública de Pontevedra para os próximos 50 anos”.

Durante a presentación do equipo redactor e do Plan sectorial e anteproxecto do Gran Montecelo, Feijóo precisou que este hospital, modelado polos seus profesionais, con achegas de 300 traballadores, en 120 reunións de traballo e cunhas 2.400 enquisas, contará con espazos máis acolledores en áreas máis sensibles, como a diálise, o hospital de día, oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil.

Así, na área de pediatría, os nenos contarán con salas de xogos, biblioteca, escola ou cine. E a carteira de servizos experimentará un impulso importante cunha nova UCI pediátrica; cunha nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico; cunha nova área de medicina nuclear; e coa creación dun espazo único para as unidades de endoscopia multidisciplinar e diagnóstico biolóxico, entre outras melloras.

Así mesmo, contará cun 92% máis de salas e postos de urxencias, que faciliten o traballo e respecten a intimidade do paciente; cun 57% do total dos cuartos que serán individuais, fronte aos 36% que o eran antes; e cun 49% máis de postos no hospital de día, que pasan de 109 a 162.

Para que todas estas melloras poidan converterse en realidade, o Gran Montecelo aumentará un 50%, pasando de 79.500 a 118.000 metros cadrados; “é dicir, unha ampliación equivalente ao de máis de dous hospitais comarcais”.

Ao longo do acto, o presidente da Xunta lembrou que, malia as dificultades económicas, desde 2009 o Goberno galego se marcou o obxectivo de non tocar as prestacións sanitarias e priorizar, dentro dos orzamentos, os investimentos para a sanidade pública. E por iso hoxe Galicia ten: dous hospitais novos, amplos e coa última tecnoloxía en Vigo e Lugo; estanse a piques de licitar as obras de ampliación do hospital de Ferrol; xa está a funcionar a nova área cirúrxica e o hospital de día do Salnés; tamén están activos a nova área de urxencias e o novo bloque cirúrxico da Coruña e a ampliación do de Ourense, ademais de seguir traballando na reforma do vello edificio de hospitalización; e estanse a levar a cabo as obras de ampliación da hospitalización da Mariña.

Novos centros de saúde

Por outra banda, e para mellorar a eficiencia do sistema de saúde, Feijóo engadiu que o Executivo autonómico está, neste momento, a traballar ademais na construción ou ampliación de 15 centros de saúde.

En relación a Pontevedra, precisou que tamén se introduciron importantes melloras como os tres novos quirófanos no Hospital provincial; un novo centro de saúde na Parda; no Montecelo, a Unidade post-endoscópica, o novo hospital de día psiquiátrico e a ampliación da área de oncoloxía; diversas melloras nos dous hospitais públicos e no Centro de especialidades de Mollabao; e, proximamente, a instalación dunha nova resonancia magnética de última tecnoloxía no Montecelo. “Todo elo co obxectivo de que a finais desta lexislatura o 100% dos galegos teñamos na área sanitaria onde vivamos un hospital público novo ou renovado”, recordou.

Como consecuencia do compromiso de todos estes anos, Feijóo precisou que as cifras de asistencia melloraron. Ao respecto, no caso concreto desta área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: o tempo medio de espera para unha intervención é 24,2 días mellor que a media de Galicia, pasando a 41,3 días en Pontevedra; o tempo medio para a primeira consulta está 11 días por debaixo da media galega, estando por debaixo dos 36 días en Pontevedra; a espera para as principais probas diagnósticas é a menor da Comunidade, pasando de 60 días a 47,3; e as vías rápidas de atención ás doenzas máis graves permitiron atender o ano pasado a máis de 1.700 pacientes en menos de 4 días.

“Estamos a falar dunha área sanitaria que está a consolidarse como unha das máis áxiles de Galicia”, insistiu, recoñecendo e agradecendo o labor dos traballadores do sistema galego de saúde e reiterando o compromiso cunha sanidade pública do futuro máis áxil, máis próxima aos usuarios, máis moderna e coa última tecnoloxía.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.