Feijóo anima ao sector naval galego a seguir apostando pola innovación como base da súa competitividade

Destaca á botadura do buque oceanográfico como un exemplo máis do carácter estratéxico do sector, que seguirá comprometido coa formación para mellorar a cualificación da industria naval
Publicado por o día 11/02/2020 na sección de Galicia,Naval,Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo anima ao sector naval galego a seguir apostando pola innovación como base da súa competitividade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector naval galego a seguir apostando pola innovación como base da súa competitividade. Ao respecto, destacou á botadura do buque oceanográfico Bélgica como un exemplo máis do carácter estratéxico do sector, que seguirá comprometido coa formación para mellorar a cualificación da industria naval.

Neste eido, os cursos continuarán centrándose en campos como a montaxe, a robótica, a xestión de produción ou a inspección, prestando unha atención específica á formación en novas tecnoloxías e á Industria 4.0. E estarán dirixidos, especialmente, ás persoas desempregadas que, a través das Unidades formativas nas empresas, recibirán unha formación á carta acorde ás profesións máis demandadas do sector.

Esta liña, que contará con incentivos á contratación, únese a outra destinada a persoas ocupadas: serán 1.440 os empregados que poderán beneficiarse dos cursos impartidos por entidades de formación e empresas vinculadas ao sector, para mellorar as súas capacidades.

Na actualidade, Galicia conta con preto de 40.000 traballadores asociados ao naval e á industria auxiliar, a mellor cifra de afiliacións dos últimos cinco anos. “Estamos a falar dun sector estratéxico para a Comunidade cun peso sobre o PIB do 4,3%”, abundou Feijóo, resaltando tamén a súa elevadísima internacionalización, co 92% dos contratos asinados con armadores estranxeiros.

Nesta liña, cómpre salientar que no terceiro trimestre de 2019, a carteira de pedidos en vigor nos estaleiros galegos sumaba 27 buques dun total de 49 contratos en España, liderando o sector naval de España co 55% da carteira de pedidos e o 60% da carga de traballo ponderado. Un liderado que se mantén na actualidade, con 24 buques en carteira por un valor conxunto de 1.200 millóns de euros.

Ao longo do acto de botadura, Feijóo aseverou que o prestixio de Freire e do propio naval galego foron fundamentais na consecución deste buque oceanográfico que, cun orzamento de 54 millóns e con máis de 70 metros de eslora, servirá para realizar estudos en pesqueiras, bioloxía, xeoloxía, etc.

O presidente do Goberno galego valorou tamén os novos retos que xa están no horizonte deste estaleiro, que conta con dous barcos máis en carteira: un buque atuneiro que forma parte do acordo asinado co grupo Calvo; e un minicruceiro de exploración que, con máis de 110 metros de eslora, será o máis grande fabricado en España.

Feijóo concluíu incidindo en que a botadura deste buque, así como a carteira de pedidos cos que conta este estaleiro son un claro exemplo do peso do sector naval galego, que conta coa segunda carteira de pedidos de Europa, só por detrás de Holanda.

Comentar noticia

Your email address will not be published.