Feijóo anuncia a ampliación de crédito do segundo Plan de rescate para achegar máis de 150 millóns de euros entre as dúas convocatorias

Expón tamén o desexo de contar co respaldo do Parlamento para trasladar o venres ao presidente do Goberno central aspectos importantes nos que o Executivo estatal ten que contribuír para poder responder á crise de forma áxil e axeitada
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

Feijóo anuncia a ampliación de crédito do segundo Plan de rescate para achegar máis de 150 millóns de euros entre as dúas convocatorias

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a ampliación de 50 a 75 millóns de euros o segundo Plan de rescate para autónomos, microempresas e hostalería e pediu a concellos e deputacións acordar unha folla de ruta “na que todos aportemos os recursos que se precisan”.

Durante a súa comparecencia, esta mañá, na Cámara galega para informar da evolución da pandemia e das medidas impulsadas para afrontala, Feijóo subliñou que deste xeito, a Xunta terá achegado, en total, máis de 150 millóns de euros.

“O momento que vivimos convócanos a afrontar xuntos a pandemia. Tendémoslle a man a quen queira collela, e seguirémolo facendo, porque os cidadáns non merecen de ningunha administración silencio ou confusión. Deberíamos ser capaces de consensuar a resposta que lles damos”, dixo, trasladando o desexo de que todas as administracións colaboren no esforzo colectivo que están a facer os cidadáns.

Ao respecto, lembrou o traballo importantísimo que o Goberno galego está a facer para apoiar aos sectores que o están a pasar peor. Así, a comezos de ano, Galicia levaba programadas axudas por un importe de 370 millóns de euros; axudas directas e consensuadas cos sectores máis afectados, nas que primou a axilidade na súa tramitación.

“As previsións situábannos no entorno dos 150.000 beneficiarios a través de 157 liñas de acción, entre as que cabe destacar: atención ás familias en situación de especial vulnerabilidade; minimización do impacto económico e social da covid nos alugueiros; o Plan de choque para o sector turístico; e actuacións de sostemento do emprego, dinamización económica e apoio a autónomos e pemes”, salientou, a modo de resumo.

Reunión co presidente do Goberno central

Igualmente, o titular da Xunta expresou o desexo de contar co respaldo do Parlamento para trasladar ao presidente do Goberno central, na xuntanza que terá lugar o vindeiro venres, aspectos importantes nos que o Executivo estatal ten que contribuír para poder responder á crise de forma áxil e axeitada.

Entre eles, Feijóo referiuse á proposta de flexibilizar o toque de queda; á necesidade de buscar un consenso nacional sobre o teletraballo; ou ao debate sobre se en determinados contextos debe facerse obrigatorio o uso das máscaras ffp2. “E seguímonos movendo nun marco normativo que non está preparado para xestionar unha pandemia durante un longo período de tempo”, engadiu, lembrando que Galicia aprobará a súa lexislación sanitaria no Parlamento nos próximos días.

Como quinto asunto, reiterou a necesidade de dispoñer dun calendario de vacinación definido “de principio a fin”, coa proposta de que o reparto garanta que as vacinas cheguen de maneira homoxénea aos diferentes grupos que se fixen.

“O subministro, en consecuencia, deberá facerse en porcentaxe equivalente a esa poboación diana”, afirmou, subliñando, a modo de exemplo, que se o próximo grupo prioritario van a ser os maiores de 80 anos, e Galicia ten o 8,2% destes maiores, a Comunidade ten que recibir o 8,2% das vacinas.

O titular da Xunta incidiu tamén en que Galicia está lista para administrar as vacinas coa mesma velocidade coa que se lle subministren. “Temos capacidade para poñer 100.000 vacinas cada día”, confirmou, facendo fincapé en que, se as doses fosen suficientes, a Comunidade podería vacinar ao 100% da poboación nun período de entre 8 e 10 semanas.

Criterios obxectivos ao respecto dos fondos habilitados para as comunidades

Feijóo solicitará ademais ao presidente do Goberno que fixe criterios obxectivos ao respecto dos fondos habilitados para as comunidades autónomas. “Deben, por un lado, ampliarse e ter en conta que son moitísimos os ámbitos de gasto que estamos a soportar as autonomías; e, por outra banda, o método de reparto tamén debe ser transparente”, explicou, subliñando que, de aplicarse os criterios do sistema de financiamento autonómico, a Comunidade galega tería recibido 570 millóns máis.

Consciente de que a crise inédita que vivimos é un desafío para todos, o presidente da Xunta concluíu afirmando que Galicia seguirá tomando decisións proporcionadas e adaptadas a cada momento da pandemia para preservar as vidas humanas, garantindo que os hospitais non colapsen; e para afrontar a continxencia económica. “Así é como actuamos desde que todo isto comezou, e como seguiremos actuando ata que todo isto finalice”, dixo, salientando e poñendo en valor o traballo dos 35 expertos do comité clínico que asesora ao Goberno galego.

Comentar noticia

Your email address will not be published.