Feijóo anuncia que a capacidade de depuración de augas residuais de Ourense se triplicará grazas á nova EDAR

Nos terreos da antiga planta abrirase unha nova zona verde de 16.000 metros cadrados.
Publicado por o día 26/07/2017 na sección de Galicia,Ourense,Xunta de Galicia

Feijóo anuncia que a capacidade de depuración de augas residuais de Ourense se triplicará grazas á nova EDAR

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) permitirá a Ourense dispoñer do triplo de capacidade de procesamento de augas residuais. Ademais, a nova planta permitirá valorizar os lodos que xera para empregalos na agricultura e non emitirá nin ruídos nin cheiros ao exterior.

O tratamento terciario que incorpora a EDAR fai posible que as augas que emite sexan totalmente aptas para o baño, pois elimina delas o nitróxeno e o fósforo. Esta nova infraestrutura tamén favorece que na cidade das Burgas poida crearse un novo espazo verde, que con 16.000 metros cadrados se converterá nun dos maiores de Ourense.

A nova depuradora, que xa está funcionando en período de probas, visitárona hoxe o presidente e mais a ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina. Tanto o Goberno central como a Xunta e o Concello de Ourense impulsaron a construción da planta, que conta cun investimento de 60 millóns de euros. Feijóo destacou que infraestruturas como esta son parte da aposta pola “política útil”, que pensa máis en dar solucións para os cidadáns a medio e longo prazo que nos xestos a curto prazo, e agradeceu a colaboración do ministerio.

O presidente anunciou tamén que, no ámbito das tecnoloxías de saneamento, “un proxecto con fondos e neuronas galegas” vén de pasar o primeiro filtro para optar aos fondos europeos do programa Interreg-Sudoe. O seu obxectivo é valorizar lodos procedentes de depuradoras urbanas como a de Ourense, e nela colaboran Viaqua, a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico da Auga.

Impulso ao saneamento

“Ourense estase convertendo nunha das cidades máis comprometidas co medio ambiente da Unión Europea”, dixo Feijóo, que recordou que desde 2009 na provincia de Ourense se levou a cabo unha actuación de saneamento cada dúas semanas. Nas zonas rurais da cidade, xa están comprometidas obras nos Viros, en Palmés e en Santa Mariña.

No conxunto de Galicia, este impulso tradúcese nunha media de sete obras de saneamento e abastecemento ao mes. O presidente explicou que a gran depuradora de Vigo xa está en período de probas e que se melloraron as de todas as urbes galegas. “Deste xeito, as sete cidades e as rías estarán plenamente en conformidade coa normativa europea”, concluíu.