Feijóo anuncia que os orzamentos de 2019 incluirán unha partida para comezar a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Público de Santiago

Defende organizar o Xacobeo 2021 como proxecto de país que require actuar en moitas frontes e unidade de esforzos
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Santiago,Xunta de Galicia

Feijóo anuncia que os orzamentos de 2019 incluirán unha partida para comezar a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Público de Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os presupostos de 2019 incluirán unha partida para poder comezar a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Público de Santiago. Así o puxo de manifesto tras o encontro que esta mañá mantivo co alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega. Unha reunión que serviu para repasar os temas de interese para a capital de Galicia, os proxectos que a Xunta impulsou ao longo dos últimos anos, a situación doutros aos que se lle está a dar continuidade conforme ao calendario previsto e novas propostas, sobre todo, de cara ao Xacobeo 2021, o acontecemento máis importante que vivirá a cidade, e Galicia, nos próximos anos.

Tras a xuntanza, Feijóo aseverou que a prioridade da Xunta na cidade é continuar mellorando os servizos públicos, referíndose a dous grandes compromisos no eido da sanidade pública.

O primeiro deles, o compromiso de ampliar o Hospital Público de Santiago, coa confirmación de que os orzamentos do próximo ano, e que se aprobarán mañá no Consello, incluirán unha partida para comezar a redacción deste proxecto de ampliación.

Se ben o hospital compostelán ten un alto nivel de funcionamento e de resposta neste momento, o titular da Xunta expuxo a importancia de adiantarse e prever as necesidades de futuro; “e por iso, nos orzamentos do ano 2019 empezamos esa planificación”, abundou.

En segundo lugar, reiterou o compromiso de impulsar a nova Facultade de Medicina, destacando que a Xunta está á disposición do novo equipo reitoral para proseguir as conversas sobre este proxecto, “tan importante para a cidade como tamén o foi o acordo asinado cos tres reitores para que a única facultade de Medicina de todo o Sistema Universitario Galego sexa a facultade centenaria de Santiago, que seguirá en colaboración cos hospitais universitarios de Ourense, Vigo, Pontevedra e A Coruña”.

Feijóo aproveitou a reunión para abordar tamén o tema do aparcamento, competencia do Concello e que ten na súa man fórmulas para poder facilitar aos pacientes e ás súas familias este servizo.

Xacobeo 2021, un proxecto de país

Na xuntanza, o presidente do Goberno galego defendeu organizar o Xacobeo 2021 como un proxecto de país que require actuar en moitas frontes e unidade de esforzos.

Ao respecto, avanzou que na reunión que manterá co ministro de Cultura a finais deste mes, “falaremos dos camiños de Santiago, do consorcio e do financiamento de infraestruturas do ano santo”.

Co obxectivo de implicar ao máximo todos os grupos políticos e a cidadanía en xeral, incidiu na intención de poñer en marcha un grupo de traballo cos grupos no Parlamento galego e a iniciativa O teu Xacobeo, unha canle aberta 24 horas e 365 días para que calquera galego faga as súas propostas.

O titular da Xunta reiterou ademais o compromiso de que no ano 2021 estea finalizada “con dignidade, con proporcionalidade e con sentidiño” a Cidade da Cultura, que será tamén un revulsivo para o ano santo. E, sobre o proxecto da Cidade da Raqueta, confirmou que se lle trasladará á Secretaría Xeral para o Deporte o estudio sobre a viabilidade para a súa análise.

Ampliación do IES Lamas de Abade e do Politécnico e nova residencia de maiores
En relación co Estado de Benestar, ambos os dous confirmaron avances importantes que fan posible, por exemplo, que as familias compostelás teñan máis garderías públicas, cun 76% máis de prazas públicas das que había en 2009.

Así mesmo, a Xunta está a traballar con COGAMI para converter o Centro de Desenvolvemento Integral para a Discapacidade (CEGADI) nun centro referencia estatal neste eido.

En materia de Educación, Feijóo destacou o esforzo feito polo Executivo galego para mellorar a situación dos colexios e institutos da cidade, coa construción dun novo colexio -Ramón Cabanillas-, ou as ampliacións no colexio Monte dos Postes e no de Roxos, entre outros. “E, neste mesmo ano seguimos impulsando melloras, como a ampliación do CEIP Lamas de Abade, que licitaremos neste 2018; ou do Politécnico, que licitaremos en 2019”, avanzou.

E, no que atinxe á atención dos maiores e das persoas con dependencia, incidiu no compromiso de construír nesta lexislatura unha nova residencia para maiores. “Temos a previsión de executar un proxecto para dar praza a 120 maiores”, dixo, para o que a Xunta conta cos terreos que o Concello puxo á disposición, no barrio de As Fontiñas, e baixo a previsión de poder licitalo na primeira parte de 2019.

Avances en materia de mobilidade

En materia de mobilidade, Feijóo recordou que, no que respecta ao Goberno autonómico, estanse a cumprir os compromisos: coa estación intermodal, executando a estación de autobuses e licitando a pasarela; traballando coa Administración central para facer as dúas melloras necesarias na AP-9, tanto a ampliación -que xa está en servizo desde o ano pasado-, como o acceso á Cidade da Cultura, “unha obra que, todo parece indicar, se vai acabar antes do previsto”; e coa Variante de Aradas, cuxas obras están moi avanzadas “e estamos en disposición de comprometer a súa finalización para entre finais deste ano e principios do que vén”.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico engadiu que o Goberno galego ten rematados ou en execución máis de cinco quilómetros dos itinerarios do Plan de sendas. E, no eido da seguridade viaria, destacou varios proxectos en marcha de reforzo de firme e un proxecto para eliminar o punto negro de Vidán.

Despois de incidir en que a Xunta ten en marcha toda a parte que lle corresponde para facer realidade a estación intermodal, Feijóo pediu ao Concello e ao Goberno central que avancen tamén nos trámites da súa competencia e trasladou outras necesidades como: preparar o sistema aeroportuario para os efectos que teña nel a entrada do AVE e ampliar a Tarxeta Nova ás liñas urbanas.

En relación a este último punto, o presidente galego informou da ampliación da Tarxeta Nova a todas as liñas nas que a Xunta pode actuar -e especialmente no rural- e trasladou a proposta de que tamén a nivel urbano se estude esta posibilidade.

Así mesmo, expresou a preocupación sobre a finalización do enlace orbital e resaltou o compromiso entre a Xunta e o Concello para dignificar e mellorar os accesos peonís das rutas xacobeas e que converxen na cidade.

Por último, e no tocante á Edar, Feijóo transmitiu a preocupación polas posibles consecuencias que poida carrexar o cambio de criterio do Concello en relación ao emprazamento da depuradora. “A Xunta vai seguir comprometida co financiamento que se tiña pactado”, garantiu, e pediu que se cumpran os prazos de execución necesarios para garantir os fondos Feder.

Feijóo concluíu aseverando que o encontro co alcalde da cidade serviu para facer balance e tamén para poñer de manifesto que os grandes temas de Santiago “teñen data ben de execución, ou de finalización ou de inicio”.