O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao papel clave dos emprendedores para impulsar o modelo económico galego a través de proxectos tractores para o presente e o futuro da Comunidade no ámbito da economía circular, verde, innovadora e dixital.
Durante o encontro dixital De volta á normalidade en Galicia, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), e logo de que a Unión Europea fale xa dunha bolsa de recursos para afrontar a pandemia de 750.000 millóns de euros, dos cales 140.000 lle corresponderían a España, Feijóo expuxo a necesidade de traballar desde este mesmo mes de xuño nestes proxectos tractores. Uns proxectos que, tal e como recordou, xa vén madurando o Comité de expertos económicos encargado de asesorar á Xunta sobre o impacto da crise da covid-19 e o plan de reactivación da economía galega.
Do mesmo xeito que a Administración autonómica agradeceu e agradece aos profesionais sanitarios e dos servizos sociais o seu traballo, o titular da Xunta quixo agradecer aos emprendedores galegos que se poñan á vangarda da crise económica; “agradecer a confianza no futuro e a capacidade para proxectar o traballo cara o mañá, coa convicción de que ese porvir o imos escribir entre todos”, engadiu.
O presidente galego aproveitou o acto para reiterar tamén a preocupación por Alcoa e polas industrias afectadas pola Lei de Costas. Sobre este punto, incidiu en que sería un grave erro que como consecuencia de políticas enerxéticas ideoloxizadas se estea a perder unha industria esencial no presente e no futuro de calquera país europeo, referíndose, ademais do aluminio, a sectores como o da madeira ou o da conserva.
Ademais de dicir a verdade e de trasladar a unidade que existe na sociedade civil á esfera gobernamental, Feijóo referiuse á anticipación como outro dos piares básicos nos que sustentar o modelo galego para a recuperación económica e social. “A anticipación é a clave de calquera xestión”, aseverou, destacando a necesidade de deixar atrás a pregunta sobre que vai pasar, para instalarnos na resposta sobre que imos facer xuntos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.