O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por seguir impulsando a industria biotecnolóxica galega coa selección de tres iniciativas estratéxicas por un importe de 445 M€ para optar aos fondos europeos Next Generation.
Durante o Foro Next Generation vinculado a este sector, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, Feijóo destacou que dúas destas iniciativas xa foron presentadas á Manifestación de interese do Ministerio de Industria, que pechou o 20 de xaneiro. A primeira delas, o proxecto do Grupo Zendal, lembrou que está orientada ao incremento da capacidade de produción e distribución mundial de vacinas, cun investimento de 111 millóns de euros.
Con este obxectivo, a iniciativa inclúe a construción de dúas novas plantas no Porriño, para fabricar a vacina contra a covid -coa meta de producir 800 millóns de doses anuais-; a construción dunha planta para a produción da fase 3 dunha nova vacina de tuberculose, así como unha planta piloto; e a modernización das instalacións cun novo centro de alta tecnoloxía e loxístico, entre outros cousas.
No tocante ao segundo proxecto, a incubadora da Fundación Kaertor, Feijóo subliñou que, entre outros aspectos, inclúe apoios para desenvolver fármacos en fase preclínica ou en fases avanzadas; o impulso da compra pública de novos fármacos por parte de servizos de saúde; ou a dotación de infraestruturas e equipamento.
“Estamos a falar dun proxecto no que participan sete comunidades lideradas por Galicia, e composto por oito actuacións por un investimento en Galicia de 78,5 millóns de euros”, precisou, resaltando que a iniciativa dá continuidade ao proceso de incubación desenvolvido na aceleradora I2D2.
Sobre o terceiro proxecto de Estrella Galicia, consistente nun centro produtivo para aplicar ferramentas innovadoras e poder desenvolver novas solucións no eido alimentario e crear produtos disruptores de comercialización rápida, o titular da Xunta salientou que esta iniciativa supón un investimento de 256,2 millóns de euros, coa previsión de contribuír a certificar cinco patentes de novos produtos no sector.
Estratexia de consolidación da biotecnoloxía 2021-2025
Á marxe destes tres proxectos, o presidente do Executivo galego aseverou que a Xunta propón, tamén no marco destes fondos, dúas iniciativas máis. Unha destinada a impulsar a rede galega de hubs de innovación dixital, cun investimento de preto de 60 millóns de euros, para crear, consolidar e acelerar a maduración destas estruturas.
E a outra, dirixida á creación dun centro de fabricación propia de medicamentos CART-T académicos -medicamentos de terapias avanzadas-; un proxecto para reforzar o sistema galego de investigación biomédica.
Feijóo concluíu reiterando o compromiso do Goberno galego co polo biotecnolóxico galego que, integrado por 100 empresas, 9 centros, 3 fundacións biomédicas, as 3 universidades e o Parque Tecnolóxico de Galicia, factura anualmente 400 millóns de euros.
Sobre este punto avanzou que a Administración autonómica está a traballar na Estratexia de consolidación da biotecnoloxía 2021-2025, para axudar ao sector a facer fronte aos retos futuros na busca de novos fármacos e tratamentos, así como na loita contra o cambio climático, a seguridade alimentaria ou a agricultura sostible.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.