Feijóo asegura que Galicia quere seguir sendo un territorio atractivo para o investimento contando co saber facer das empresas, co talento e coa estabilidade do Goberno galego

Recorda que a estabilidade permite realizar accións concretas e, ao mesmo tempo, inscritas nun marco estratéxico que persigue catro obxectivos: unha Galicia máis áxil, máis preparada, máis competitiva e máis innovadora
Publicado por o día 15/11/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo asegura que Galicia quere seguir sendo un territorio atractivo para o investimento contando co saber facer das empresas, co talento e coa estabilidade do Goberno galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que Galicia quere seguir sendo un territorio atractivo para o investimento, contando co saber facer das empresas, co talento do noso capital humano e coa estabilidade dun Goberno galego que actúa para o presente e o futuro.

Durante o XXVII Aniversario do Círculo de Empresarios de Galicia, Feijóo recordou que a estabilidade permite á Comunidade realizar accións concretas e, ao mesmo tempo, inscritas nun marco estratéxico que persigue catro obxectivos: unha Galicia máis áxil, unha Galicia máis preparada, unha Galicia máis competitiva e unha Galicia máis innovadora.

“Ao primeiro damos resposta coa Lei de implantación empresarial; ao segundo cun ambicioso Plan de formación para o período 2019-2020; ao terceiro deses obxectivos replicamos coa Axenda dixital 4.0; e ao cuarto co Plan Innova 2020”, explicou, incidindo en que para cada obxectivo “hai medidas e hai recursos”.

Así mesmo, recalcou que como parte da arquitectura institucional de Vigo, da súa sociedade e a súa economía, a Xunta estase a ocupar da nova ampliación do Ifevi, aportando os recursos necesarios para que comece no 2020, se a parálise urbanística non o impide. “No sector da automoción lévanse investidos nos últimos dez anos 186 millóns, co fin de atraer novas empresa e novos proxectos como o K9 de PSA. E mediamos no naval para atopar a mellor solución posible ao conflito de Barreras, de maneira que os erros na xestión non repercutan nun sector punteiro en España e Europa”, dixo, engadindo que sobre todo, máis alá das cifras, “procuramos aportar diálogo, colaboración institucional e unha idea aberta e global da capital viguesa”.

Pola contra, e no eido do Goberno central, o titular da Xunta referiuse ás decisións que cualificou de “discriminación negativa” cara aos intereses de Galicia como comunidade, como son a longa espera polo Estatuto electrointensivo, que garanta un prezo da luz competitivo para industrias como Alcoa; a falta de solucións ao peche da central térmica das Pontes; a incerteza sobre o destino de Ence, en Pontevedra; ou a demora da subestación eléctrica de Vigo, con claros prexuízos para PSA.

Ao longo da súa intervención, Feijóo sostivo que tanto o emprendedor como o gobernante rigorosos, que saben evolucionar e activar as medidas necesarias para os cambios tranquilos, queren a estabilidade e a fomentan. “Para eles a estabilidade non é un estorbo, senón o garante máis elemental, o clima favorable para todos os factores que interveñen nos procesos económicos e políticos. Con estabilidade pódese triunfar ou fracasar; sen ela o fracaso é o único destino”, matizou, aseverando que alí onde predominan os desestabilizadores, a sociedade e a economía corren un serio risco de naufragar ou quedar varadas na incerteza.

Diante disto, e convencido da existencia dun amplo sentimento que anhela a estabilidade, afirmou seguir avogando por fórmulas capaces de agrupar ás políticas moderadas e illar aos extremos máis radicais. “É o que desexo para o meu país”, sentenciou, recordando que o triunfo mancomunado do centro esquerda e o centro dereita explica o éxito da Unión Europea e da democracia española.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención destacando a traxectoria do galardoado Juan Güell e a súa virtude para saber aportar confianza aos empresarios clásicos, aos novos emprendedores e aos investidores.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.