Feijóo asiste en Vigo ao festival ‘O Marisquiño 2017’ e a Festa do Pulpo de O Carballiño

Publicado por o día 13/08/2017 na sección de Galicia,Ourense,Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo asiste en Vigo ao festival ‘O Marisquiño 2017’ e a Festa do Pulpo de O Carballiño

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu a varias actividades programadas no marco do festival O Marisquiño 2017 de Vigo este pasado sábado.

O domingo, o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, destacou a Festa do Pulpo do Carballiño como exemplo da Galicia acolledora e aberta. Unha Galicia que ten moito que ofrecer e que quere recibir o que achega o visitante, “porque a nosa identidade –dixo- fíxose sumando”.

Durante a celebración desta Festa de Interese Turístico Nacional, Feijóo recordou que a nosa Comunidade é a suma de culturas antergas, “como as que repousan no castro de San Cibrao de Las”; do traballo das xeracións que nos preceden; das vivencias dos galegos que están fóra; e, tamén, da pegada que deixan os peregrinos. E avogou por seguir apostando por unha Galicia tolerante e anfitrioa, “que converte ao visitante nun galego máis”.

Nesta liña, resaltou que se a Festa do Pulpo foi e é unha cita inesquecible do mundo da emigración, agora tamén é unha cita obrigada para os turistas que visitan a Comunidade e queren disfrutar da gastronomía e dun prato cun gran poder de convocatoria e sinónimo de convivencia e celebración.

O responsable do Goberno galego aproveitou o acto para dar as grazas a todos os visitantes por elixir Galicia e para felicitar ao Centro Galego de Nüremberg, un centro que celebra o seu 25 aniversario e que, ao igual que Galicia, se fixo coa suma de identidades.