Feijóo avalía o potencial de Galicia para liderar a nivel estatal o coñecemento en cambio climático

Apostan pola necesidade de fomentar a participación do ámbito académico nun debate tan importante como o cambio climático, no que xa están presentes organizacións privadas e ONG, e onde o rigor científico axudaría a acadar unha maior sensibilización
Por o 13/02/2018 | Sección: Xunta de Galicia
Feijóo avalía o potencial de Galicia para liderar a nivel estatal o coñecemento en cambio climático

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe, durante unha reunión co catedrático de Economía da Universidade de Vigo e director do centro de investigación Economics for Energy, Xavier Labandeira, o potencial de Galicia para liderar a nivel estatal o coñecemento en cambio climático. Nesta liña, ambos coincidiron na importancia de recompilar, clasificar e organizar o coñecemento académico nesta materia e axudar á súa difusión.

Durante o encontro, tamén apostaron pola necesidade de fomentar a participación do ámbito académico nun debate tan importante como o cambio climático, no que xa están presentes organizacións privadas e ONG, e onde o rigor científico axudaría a acadar unha maior sensibilización.

Non en van, Xavier Labandeira foi invitado a participar no próximo informe do grupo 3 do IPCC, Grupo Intergobernamental sobre cambio climático de Nacións Unidas, e colaborou coa Xunta na presentación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que reflicte o compromiso de Galicia na loita contra o cambio climático e que definirá o noso xeito de producir e de consumir, e o compromiso por seguir investindo en enerxías renovables.

Así mesmo, a preocupación pola seca foi outro dos asuntos que centrou boa parte deste encontro. Ao respecto, ambos coincidiron na importancia de traballar no eido da prevención implicando as administracións e, tamén, os cidadáns.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.