Feijóo avanza a creación do Comité Educativo que de xeito coordinado co Comité Clínico asesorará á Xunta en todos os asuntos relacionados coa covid no ámbito docente

Feijóo fai unha chamada á responsabilidade e ao compromiso de todos para que a volta ás aulas sexa un éxito

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a creación do Comité educativo, un grupo de expertos que asesorará á Xunta en todos os asuntos relacionados coa Covid no ámbito educativo, do mesmo xeito que o fai o comité clínico no ámbito sanitario.

O obxectivo é que “os profesionais da educación vaian validando e vaian, sobre todo, resolvendo as dúbidas nos casos prácticos que se vaian plantexando no conxunto dos centenares de colexios que temos na Comunidade”, aseverou Feijóo.

Segundo explicou Feijóo, este órgano traballará de forma coordinada co comité clínico e del formarán parte expertos de distintos campos educativos: representantes de directores e docentes de colexios, institutos e centros de FP; centros de educación especial e escolas de idiomas; de xefaturas de estudos; secretarías; equipos de orientación e formación; e expertos en tecnoloxía e psicoloxía.

O presidente da Xunta remarcou que se escollerá un conxunto de profesionais do Comité clínico do Sergas para incorporalos a este comité educativo co obxecto “de informar, asesorar e tomar decisións no ámbito da educación”.

Nesa liña, Feijóo insistiu en que ese grupo de expertos asesorará á Xunta de Galicia durante todo o curso escolar porque “durante todo o curso será necesario tomar decisións, na maioría das veces , inéditas“.

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Xunta fixo unha chamada á responsabilidade e ao compromiso de todos “para que a volta ás aulas sexa un éxito”, aseverou, recordando que durante os últimos días estase a completar a posta en marcha de todas as aulas, con numerosos desdobles e cun incremento salientable de profesorado.

Tamén incidiu en que “estamos finalizando o cribado dos 40.000 docentes” e no reparto dun total de 400.000 máscaras entre os centros escolares de toda Galicia para uso do persoal docente e non docente, así como do alumnado que o precise de xeito puntual.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario