Feijóo avanza a posta en marcha do Plan estratéxico de xuventude 2019-2021, dotado con 410 millóns, para xerar máis e mellores oportunidades en ámbitos como o emprego, a formación ou o rural

Resalta que se trata 125 medidas co obxectivo claro de mellorar as capacidades e habilidades da mocidade no presente e aumentar as súas oportunidades no futuro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan estratéxico de xuventude 2019-2021, dotado con 410 millóns de euros, para xerar máis e mellores oportunidades en ámbitos como o emprego, a formación ou o rural.

“Estamos a falar de 125 medidas para actuar en seis ámbitos prioritarios co obxectivo claro de mellorar as capacidades e habilidades da mocidade no presente e para que a xente nova poida ter máis oportunidades no futuro”, dixo, subliñando que estas actuacións estarán distribuídas en 12 eixes, entre os que destacou o emprego, coa creación de novas axudas para obter o permiso de condución B ou C e o reforzo de programas como Emprural, para facilitar a inserción laboral da mocidade na economía rural.

Así mesmo, impulsarase a iniciativa Talento Mozo, con dous alicerces principais: obradoiros e charlas protagonizados por galegos novos que destaquen nalgunha área, para que sirvan de referentes e exemplo para outras persoas novas; e, en segundo lugar, crearanse os Premios Talento Mozo, para distinguir e recoñecer carreiras de éxito da mocidade galega en diferentes ámbitos.

Outras medidas que se porán en marcha están centradas no acceso á vivenda, cunha oficina de emancipación xuvenil virtual para informar sobre as opcións que existen en materia de vivenda e emprego ou a saúde e deporte, con accións orientadas a crear unha cultura da vida saudable desde as idades máis temperás.

No ámbito da participación e asociacionismo, cómpre salientar a extensión progresiva das actividades de lecer e tempo libre ao longo de todo o ano, para evitar que queden restrinxidas aos meses de verán. “E, por outra banda, poremos en marcha o programa Foro Xove, encontros periódicos entre os responsables públicos e persoas mozas para favorecer a interactuación entre ambos colectivos; así como a creación dunha liña especial do programa Iniciativa Xove —que financia con ata 5.000 euros a posta en marcha de ideas innovadoras— centrada na promoción e dinamización do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021”, engadiu.

Así mesmo, o presidente da Xunta destacou o impulso do voluntariado, centrado no Camiño de Santiago; a mobilidade, coa xa anunciada ampliación da Tarxeta Xente Nova para todos os autobuses interurbanos; ademais do compromiso de seguir impulsando medidas encamiñadas a potenciar o uso do galego entre a mocidade, a igualdade e o medio ambiente.

O texto continuará a súa tramitación co traslado ao Comité Galego de Políticas de Xuventude para garantir a plena coordinación de todas as administracións públicas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM