Feijóo avanza o compromiso do maior provedor de produtos agrícolas chinés de visitar Galicia para coñecer a calidade do sector agroalimentario galego

“Saímos desta reunión co compromiso, explicitado polo director de COFCO para Europa, de visitar Galicia neste ano 2017”, di, tras unha xuntanza que cualifica de moi frutífera e na que o campo gourmet Galicia ten moito que achegar.
Publicado por o día 12/06/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo avanza o compromiso do maior provedor de produtos agrícolas chinés de visitar Galicia para coñecer a calidade do sector agroalimentario galego

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o compromiso do maior provedor de produtos agrícolas chinés, o Grupo COFCO, de visitar proximamente Galicia para coñecer de primeira man a calidade e excelencia do sector agroalimentario galego, entre os que destacan o vitivinícola, o cárnico, o conserveiro, o lácteo ou o da cervexa. “Saímos desta reunión co compromiso explicitado polo director de COFCO para Europa de visitar Galicia neste ano 2017”, dixo, tras unha xuntanza que cualificou de moi frutífera e na que o campo gourmet Galicia ten moito que achegar.

Nesta liña, Feijóo incidiu en que nesta viaxe á Comunidade este grupo poderá visitar as instalacións das empresas galegas e comprobar as condicións hixiénico-sanitarias, os compromisos de rastrexabilidade, de orixe e de manipulación. “Queremos, en definitiva, que coñezan os nosos produtos”, incidiu.

O presidente da Xunta salientou que COFCO é unha das empresas agrícolas máis importantes de China, con presenza en máis de 140 países e que diversificou a súa actividade en sectores como o inmobiliario, o transporte, o hoteleiro ou a distribución. E referiuse ao encontro como unha oportunidade para que as empresas do sector primario e da transformación alimentaria galegas poidan consolidar a súa posición internacional e abrir novos mercados; “xa que estamos a falar –incidiu- do maior provedor de produtos agrícolas do mundo e unha das principais distribuidoras de alimentación”.

O titular da Xunta iniciou a súa primeira xornada da viaxe a China con varias reunións encamiñadas a explorar novas opcións de negocio neste país para as empresas agroalimentarias galegas.

Así, ademais da xuntanza co grupo COFCO, Feijóo visitou as instalacións do Grupo JD.com; a maior plataforma de venda online de China, que ten máis de 169 millóns de clientes ao día e que ofrece alimentos procedentes de máis de 30 países.

Durante unha reunión con representantes do Grupo JD.com, a delegación galega e a empresa avaliaron a posibilidade de incluír nesta plataforma produtos galegos.

Ante a posibilidade de que China incremente as súas esixencias para a importación de produtos alimentarios, Feijóo valorou que esta é unha boa oportunidade para Galicia, xa que, segundo recordou, a calidade dos produtos galegos que se exportan son dunha calidade alta ou moi alta. “Polo tanto, canto máis calidade pida o mercado chinés, máis posibilidades de entrar no mercado”, aseverou.

Perspectivas económicas
O responsable do Executivo autonómico comezou a xornada cunha reunión na Oficina Comercial de España, á que asistiron tamén as empresas que compoñen a delegación galega nesta viaxe e onde tivo lugar a presentación China, perspectivas económicas e marco regulatorio.

Nela, Feijóo expuxo as vantaxes competitivas de Galicia en sectores como o agroalimentario, o téxtil, o contract ou o aeronáutico, incidindo na máxima calidade dos produtos galegos, entre os que destacou a carne, o pescado, o viño, a cervexa, o aceite e o leite.

A xornada de hoxe concluirá cunha xuntanza coa Cámara de Comercio para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos, que conta con máis de 10.000 asociados. “O obxectivo da reunión será atraer á Cámara de Comercio para que invista en Galicia ou abra novas vías de negocio para as compañías galegas destes sectores”, avanzou, subliñando que a colaboración con esta entidade permitirá ás empresas galegas atopar provedores sólidos e solventes en China; colaborar con empresas e institucións do país e obter axuda para resolver problemas comerciais.