Feijoo avanza a contratación da segunda fase das obras da Cidade da Xustiza de Vigo

Afirma que a obra agrupará nun mesmo espazo as 35 unidades xudiciais da cidade; con espazo para futuras ampliacións de ata 22 unidades máis; e con 36.000 metros cadrados de instalacións modernas.
Publicado por o día 24/11/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Feijoo avanza a contratación da segunda fase das obras da Cidade da Xustiza de Vigo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a autorización no Consello da Xunta da contratación da segunda fase das obras da Cidade da Xustiza de Vigo e prevé un prazo de execución de 21 meses.

Esta obra, que suporá unha importante mellora para os profesionais e usuarios da Xustiza en Vigo, agrupará nun mesmo espazo as 35 unidades xudiciais da cidade; con espazo para futuras ampliacións de ata 22 unidades máis; e facilitando en gran medida o traballo dos profesionais, con 36.000 metros cadrados de instalacións modernas para desenvolver o seu traballo.

Neste senso, fixo fincapé en que o investimento que fará a Xunta nesta segunda fase supera os 30 millóns de euros.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico recordou que, ademais, tomouse a decisión de rehabilitar 7.000 metros cadrados máis para destinar a outras funcións, como unha comisaría e como o o Centro Integral de Saúde Taboada Leal, que está xa funcionando no antigo Anexo II do Hospital Xeral.

Servizos de soporte tecnolóxico

No que respecta á dixitalización, Feijóo referiuse ademais, na rolda de prensa, á aprobación do inicio da tramitación do novo contrato para os servizos de soporte informático para a Administración de Xustiza, que será licitado en 2018.

Un servizo que, segundo explicou, contará con tres funcións principais: prestar atención técnica aos 3.700 profesionais da Xustiza de Galicia, as 24 horas do día e os 7 días á semana; coordinar a xestión e control dos máis de 40 sistemas de información, aplicacións e servizos dixitais que empregan; e participar na instalación e configuración dos medios audiovisuais que se empregan, principalmente os 90 equipos de videoconferencia e os 170 equipos de gravación de vistas.

O presidente da Xunta asegurou que o incremento progresivo dos servizos dixitais que se empregan na Xustiza, a renovación continua do seu equipamento, a modificación das estruturas xudiciais e a incorporación de novos órganos fai necesario este novo impulso á dixitalización, que contará cun investimento máximo de 6,3 millóns de euros.

Entre as novidades, Feijóo subliñou o reforzo de atención aos usuarios, axilizando os tempos de resposta ante calquera problema técnico que se produza en calquera xulgado de Galicia, así como un complemento da central de coordinación cun servizo que se prestará directamente nas sedes xudiciais.

Así mesmo, salientou que o Centro de Servizo aos Usuarios que se inclúe neste contrato funcionará como centralita única para xestionar todas as consultas e incidencias técnicas que se dean na planta xudicial galega: os 260 órganos xudiciais; as 12 fiscalías; os 45 rexistros civís; os 270 xulgados de paz; e as 7 subdireccións territoriais do Imelga. E haberá persoal técnico informático desprazado en sedes xudiciais, tanto para prestar asistencia técnica como para prestar tarefas formativas na implantación de novos sistemas e aplicacións.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que este investimento enmárcase no Plan Senda 2020 para a dixitalización da Xustiza, que permitirá que este ano o 90% das salas de vistas dispoñan de sistema de gravación con sinatura dixital e que todos os partidos xudiciais conten con videoconferencia. Non en van, no que vai de ano estes sistemas gravaron máis de 68.400 vistas e rexistraron máis de 6.000 videoconferencias.

Ademais de habilitar a través da sede electrónica xudicial o acceso á documentación aos expedientes xudiciais en formatos electrónicos e a descarga das vistas dos xuízos, Feijóo avanzou como seguintes pasos a levar a cabo: a dotación dun novo sistema de información ás oficinas de Atención á Vítima e á Cidadanía; e a mellora do Repositorio Unificado Xudicial, no que se actualiza diariamente a información dos distintos expedientes xudiciais. Esta base de datos documental, que xa dispón de 6 millóns de documentos xudiciais, é a pedra angular da que se serven todas as novas aplicacións e servizos dixitais.