Feijóo avanza que Galicia contará no verán con dúas ferramentas clave para revalorizar o sector da madeira: a Axencia da Industria Forestal e o novo Plan forestal

Di que o novo Plan forestal de Galicia nace co fin de velar por que o aproveitamento da madeira se realice de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente
Por o 26/05/2017 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
Feijóo avanza que Galicia contará no verán con dúas ferramentas clave para revalorizar o sector da madeira: a Axencia da Industria Forestal e o novo Plan forestal
Compartir en:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Comunidade contará no verán con dúas ferramentas clave para revalorizar o sector da madeira: a Axencia Galega da Industria Forestal e o novo Plan forestal de Galicia.

Durante o acto de clausura do 40 Aniversario da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Feijóo aseverou que estas dúas iniciativas terán como obxectivo revalorizar a industria conxugando o respecto ao medio ambiente, o desenvolvemento rural e a busca dunha maior expansión comercial, da man da innovación. Neste sentido subliñou que o monte galego é paisaxe, é patrimonio pero tamén é economía; incidiu así mesmo na necesidade de poñer en valor os recursos forestais e a capacidade da industria transformadora para darlle valor engadido.

No tocante á Axencia Galega da Industria Forestal, Feijóo explicou que este órgano estará centrado en impulsar o sector cara aos seu retos de futuro, en primeiro lugar, en facelo máis competitivo a través da innovación ou a diversificación.

Nesta liña, salientou que hoxe xa hai empresas galegas comercializando novos produtos como a madeira laminada, termotratada ou acetilada. “E seguiremos apoiando coa Estratexia da biomasa a instalación de equipamentos que empregan enerxía limpa e autóctona”, abundou.

En segundo lugar, a axencia buscará favorecer a transferencia de coñecemento entre empresas e centros públicos de investigación forestal. Ao respecto, cómpre salientar que no programa Innterconecta se están a desenvolver tres proxectos innovadores no sector da madeira, que mobilizaron máis de 6 millóns de euros.

Sobre o obxectivo de mellorar a cualificación dos profesionais que traballan neste sector, Feijóo afirmou que este organismo levará a oferta de cursos formativos ao ámbito rural e potenciará os centros de formación agroforestal ou as ramas de FP vinculadas a este eido. “E como obxectivo de base, a axencia nace para ser o interlocutor da Administración ante os axentes económicos vinculados a esta industria”, precisou.

Aproveitamento de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente
En relación ao novo Plan forestal de Galicia, o presidente do Goberno galego aseverou que este nace co fin de velar por que o aproveitamento da madeira na Comunidade se realice de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente.

Con este obxectivo, o plan establecerá diferentes actuacións como: aumentar a superficie de árbores frondosas caducifolias; fomentar a plantación e a rexeneración de especies como o castiñeiro, o carballo e a cerdeira; racionalizar a superficie arborada ocupada polo eucalipto de acordo coas necesidades da industria; establecer medidas de control para unha xestión sustentable das especies cinexéticas; aproveitar a biomasa forestal con fins enerxéticos; e integrar a I+D+i para facer un estudo periódico, por exemplo, das pragas.

No relativo ás áreas afectadas por incendios, o Plan forestal de Galicia potenciará as actuacións de restauración e a formación das brigadas forestais, desde o punto de vista da investigación e as tarefas de prevención.

“Estamos a falar, en definitiva, dun plan que buscará protexer o medio rural pero fortalecendo a cadea monte-industria e a primeira e segunda transformación dos produtos forestais”, dixo Feijóo, precisando que, no mes de xuño, a Xunta aprobará o documento definitivo para envialo ao Consello Forestal de Galicia e, de aí, sometelo a información pública.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno destacou tamén que a Xunta está a traballar para ofrecer unha xanela única para autorizar as cortas de madeira: un procedemento único, concreto e sometido a un prazo para aprobar ou non unha autorización de corta.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que a busca do equilibrio entre a preservación do medio ambiente e o aproveitamento económico do monte implica a produtores, industria transformadora e Administración. Non en van, o sector da madeira está composto por máis de 80.000 propietarios forestais, 2800 comunidades de montes, 70.000 empregos e 3000 empresas. Así mesmo resaltou que a provincia de Lugo é unha das principais produtoras de madeira de toda España e lembrou que en 20 comarcas de Galicia a industria da madeira supón o 25 por cento do emprego industrial.