O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte na rolda de prensa do Consello a posta en marcha do Plan de reactivación da cultura e o turismo, cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo.
Co fin de cumprir este triplo obxectivo, Feijóo precisou que a Consellería da Cultura e Turismo elaborou este plan reestruturando o seu orzamento e recompuxo as partidas para ir mellorando as expectativas dos sectores turístico e cultural. “Todo isto para dar unha resposta rápida a dous sectores que supoñen o 13% do PIB e o 14% do total do emprego na Comunidade Autónoma”, abundou.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta subliñou que para actuar cun plan de choque rápido e directo, estableceranse 9 bloques de execución que suporán, á súa vez, un investimento de 11 millóns na actividade turística; e de 10,6 millóns no sector cultural, reforzados, así mesmo, con 5,1 millóns de euros a través de medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.
Un novo Xacobeo
Sobre este último punto, cómpre salientar que o plan prevé que a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo para impulsar así ás industrias cultural e turística. Con este fin, reconfiguraranse os obxectivos do próximo Ano Santo, para darlle prioridade ás iniciativas de impulso económico e de activación do consumo e do emprego.
“Será un Xacobeo distinto do que tiñamos previsto; será un Xacobeo moito máis imaxinativo, moito máis complexo, probablemente, pero o noso obxectivo é acertar” avanzou Feijóo, que engadiu que ese novo Xacobeo servirá para a recuperación do turismo con formatos e fórmulas de presentación distintas.
Un destino seguro
Os 4 eixos clave do plan no eido turístico serán a reactivación da demanda e accións de promoción, a creación de novos produtos turísticos, o apoio ao tecido empresarial e mantemento do emprego, así como a formación, competitividade e innovación.
O presidente da Xunta sinalou que o obxectivo é presentar Galicia como un destino seguro. Deste xeito, apoiaranse medidas hixiénico-sanitarias para os establecementos turísticos; reformularase a estratexia de promoción de destino adaptada a este novo contexto sanitario; promoverase un programa de consultoría e asesoramento para as empresas turísticas, así como un programa de “Queda en Galicia” para o turismo interno.
No eido cultural, as actuacións centraranse noutros 4 eixos, como son a activación do sector, o mantemento do emprego, o fomento do consumo e a aposta pola formación, a profesionalización e a mellora da competitividade.
Para concluír, Feijóo lembrou que este plan está consensuado cos sectores cultural e turístico. O Goberno galego mantivo máis de 65 reunións e contactos do sector e recibiu preto de 170 propostas, o 71% das cales figuran no plan aprobado hoxe. Nesa liña de contacto permanente co sector, cómpre salientar que o vindeiro sábado haberá unha nova reunión por videoconferencia para dar conta polo miúdo deste plan de reactivación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.