Feijóo avanza o protocolo de reactivación dos centros de maiores e de discapacidade para unha reapertura gradual e flexible

Afirma que a reactivación constará de tres etapas de 15 días de duración cada unha– agás nos centros con menos de 60 prazas nos que cada etapa durará 10 días–
Publicado por o día 15/05/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Social,Xunta de Galicia

Feijóo avanza o protocolo de reactivación dos centros de maiores e de discapacidade para unha reapertura gradual e flexible

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o protocolo de reactivación nas residencias de maiores e de discapacidade para unha reapertura gradual e flexible. E destacou que aínda que o risco cero non existe, este protocolo, supervisado polo comité clínico do Servizo Galego de Saúde, ten como principio reitor a máxima protección, prudencia, graduación e flexibilidade.

No que respecta ás residencias, Feijóo destacou que antes de empezar a reactivación deben cumprirse dous criterios: que o centro non rexistrase casos de coronavirus, nin entre o persoal nin entre os residentes, nos últimos 15 días; e que no concello onde se sitúa o centro se rexistren cada día tres ou menos novos casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes. As residencias que cumpran estes requisitos, que son sobre o 80%, poderán comezar coa etapa 1 o vindeiro 18 de maio.

Así, Feijóo especificou que as residencias que cumpran estas dúas condicións poderán iniciar un proceso de reactivación que constará de tres etapas e precisou que cada etapa durará 15 días, agás nos centros con menos de 60 prazas, nos que cada etapa durará 10 días.

Pola súa banda, os centros que teñan a consideración de fogar residencial ou vivenda tutelada ou comunitaria –que son os de menor tamaño– poderán comezar a reactivación directamente na etapa 2. Cómpre salientar que para pasar dunha etapa a outra, será necesario que o centro conte cun informe favorable da autoridade sanitaria.

Ao longo da rolda de prensa, o presidente da Xunta precisou que na etapa 1 volverá estar permitida unha visita por semana e sempre con cita previa. E, tamén poderán realizarse paseos en grupos dun máximo de cinco persoas na contorna da residencia, cunha distancia non superior a un quilómetro, ou nas zonas verdes dentro da mesma, respectando sempre as medidas de hixiene e distanciamento social.

Así mesmo, dentro do centro estarán permitidas as actividades individuais e en grupos dun máximo de dez persoas. E tamén volverán activarse os ingresos de novos residentes, que deberán facer unha PCR que confirme que non están contaxiados tres días antes da súa entrada no centro.

Na etapa 2, as residencias poderán permitir dúas visitas por semana e con cita previa; e as persoas autónomas poderán realizar saídas á farmacia e ao banco, preferiblemente a primeira hora da mañá. E, na etapa 3 poderá recuperarse por completo o réxime de visitas co que contaba cada residencia antes da pandemia; e os residentes poderán saír tamén á contorna urbana, evitando no posible aqueles lugares onde se concentren máis persoas.

“Se nunha residencia aparecese un caso positivo, teríamos que suspender a reactivación e volveríamos confinar ás persoas contaxiadas”, explicou Feijóo. Ademais subliñou que, nos vindeiros días, tamén se pactará co sector unha data de consenso para iniciar o proceso de activación nos centros de día.

Por último, o protocolo de reactivación das residencias tamén regula o reinicio dos servizos de atención temperá, así como outros servizos terapéuticos dirixidos a persoas maiores e persoas con discapacidade. Estes servizos poderán comezar tamén desde o vindeiro luns, establecendo un sistema de cita previa que garanta que só estean na sala ao mesmo tempo unha persoa usuaria e un profesional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.