Feijóo avanza o proxecto para introducir 15 novos másters nas universidades galegas e axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais en eidos como a economía circular ou a biofabricación

Recorda que a implantación destes másters enmárcase dentro dun proceso de mellora do mapa de titulacións da Comunidade, iniciado en 2017, co acordo da introdución de 17 novos graos
Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Educación,Formación,Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o proxecto para introducir 15 novos másters nas universidades galegas co obxectivo de axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da vindeira década, en eidos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, o vehículo autónomo ou a intelixencia artificial.

Durante a presentación da iniciativa Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, Feijóo aseverou que as universidades teñen demostrado o seu gran papel como motores no desenvolvemento; “e, agora, é preciso non perder o compás do futuro que nos agarda e seguir adaptándose aos novos retos”, dixo, subliñando que, de momento, a proposta foi sometida a un primeiro contraste por parte de expertos e representantes das tres universidades, co obxectivo de pulir todos os detalles ata o inicio do curso 23/24, tras o proceso de negociación e a tramitación administrativa pertinente.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego recordou que a implantación destes másters enmárcase dentro dun proceso de mellora do mapa de titulacións da Comunidade, iniciado en 2017, co acordo da introdución de 17 novos graos. “Deses, 13 xa se están impartindo e os 4 restantes están en proceso”, explicou, insistindo no obxectivo de continuar coa introdución destes títulos e iniciar, despois, unha análise para introducir novos graos que se oferten en Galicia.

Conscientes da importancia das etapas que quedan por abordar, o titular da Xunta afirmou que o Executivo galego seguirá apostando polo diálogo e a cooperación, un camiño que permitiu pechar un Plan de financiamento coa cifra máis alta da historia en transferencias directas por parte da Xunta; emprender a estratexia pioneira de especialización dos campus universitarios; ou apostar con forza por un modelo de investigación baseado na excelencia.

Feijóo salientou que o proxecto Galicia 2030 supón todo un punto de inflexión para o Sistema Universitario Galego. Así, logo dunha primeira fase, na que participaron máis de 80 expertos para elaborar un primeiro catálogo de perfís profesionais, no que se identificaron 30 roles que demandarán as empresas no medio prazo; hoxe, presentáronse as conclusións da segunda fase, na que se estudaron os coñecementos xa cubertos polo sistema universitario e os baleiros formativos detectados.

Ao respecto, fixo fincapé en que a Galicia do mañá demandará profesionais máis tecnolóxicos, os traballadores do futuro terán que ser capaces de complementar coñecementos e serán determinantes habilidades persoais como a iniciativa, a creatividade ou a adaptación; e as competencias en inglés serán un requisito sine qua non para obter un posto de traballo.

“En definitiva, as universidades teñen que ser a panca de cambio da Galicia internacional, con máis empregabilidade, máis colaborativa, máis moderna e máis verde”, concluíu.