Feijóo avanza a posta en marcha da Formación á porta que impulsará a cualificación de 500 mozos de 27 concellos do rural

Leva aos concellos que non contan con centros homologados as actuacións necesarias para obter certificados de profesionalidade con validez en toda España.
Por o 02/11/2017 | Sección: Formación,Galicia,Xunta de Galicia
Feijóo avanza a posta en marcha da Formación á porta que impulsará a cualificación de 500 mozos de 27 concellos do rural

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo impulso á formación dos mozos desempregados a través da posta en marcha da iniciativa Formación á porta, que impulsará a cualificación de 500 mozos de 27 concellos do rural.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que este programa, destinado a levar ata os concellos que non conten con centros homologados as actuacións necesarias para obter certificados de profesionalidade con validez en toda España, permitirá impartir 32 cursos en centros móbiles ou lugares habilitados.

“Deste xeito, a mocidade desempregada destes concellos non terá que desprazarse para recibir formación, senón que a formación acudirá a eles”, aseverou, subliñando que as diferentes accións formativas centraranse naquelas actividades que permitan unha maior inserción laboral e no uso das novas tecnoloxías, de acordo coas peculiaridades do tecido empresarial de cada zona.

Logo de resaltar que a convocatoria ofrecerá unha formación máis completa, ao ter un carácter bianual para favorecer a realización de cursos máis complexos e extensos, Feijóo precisou que os 32 cursos de Formación á porta inclúense dentro dun total de 96 cursos de formación específicos para desempregados menores de 30 anos, dos que se poderán beneficiar máis de 1.440 persoas.

Cómpre salientar que os cursos de formación son unha pata máis dentro dos programas de fomento do emprego xuvenil, aos que a Xunta está a destinar este ano 40 millóns de euros e nos que se inclúen outras iniciativas como: os bonos de 7.000 euros, que combinan incentivos á contratación con formación específica nos eidos da Industria 4.0 e a agroalimentación; os obradoiros de emprego, que permiten aos participantes optar a un contrato de traballo; e as prácticas non laborais para mozos con cualificación.

Estas medidas para formar os mozos e facilitarlles experiencia laboral contribúen a reducir as taxas de desemprego xuvenil. Non en van, o número de mozos desempregados leva reducíndose desde novembro de 2012; a contratación indefinida entre os menores de 30 creceu o último ano por riba do 19%; e, desde 2009 o desemprego xuvenil reduciuse máis da metade, nun 52,7%.

Noticias de última hora en Vigo