Feijóo avanza que preto de 26.000 agricultores e gandeiros recibirán o maior anticipo da PAC da historia de Galicia

Subliña que esta achega supón un incremento do 57% respecto do pago anticipado do pasado ano
Publicado por o día 25/11/2016 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo avanza que preto de 26.000 agricultores e gandeiros recibirán o maior anticipo da PAC da historia de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que preto de 26.000 agricultores e gandeiros recibirán o maior anticipo da PAC da historia de Comunidade, que ascende a 102,7 millóns de euros.

Feijóo subliñou que esta achega supón un incremento do 57% respecto do pago anticipado do pasado ano e corresponde a varios conceptos diferentes: o pagamento básico aos agricultores; o pagamento verde, destinado aos gandeiros e agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente; a axuda ligada ao sector lácteo; e a axuda adicional á mocidade.

Nesta liña, precisou que para dar seguridade financeira ao sector, este anticipo recibirase nun único pagamento co obxectivo de axudar a paliar as dificultades financeiras e os problemas de tesouraría que sofren moitos gandeiros. “Seguimos, polo tanto, mellorando o cociente de pagamentos e case o 82% dos beneficiarios estarán percibindo as axudas antes do inicio do período de pagamento ordinario”, recoñeceu, a pesar de que a estrutura agraria fai máis complexa a tramitación, debido á elevada cifra de beneficiarios.

O titular do Goberno galego asegurou que estas axudas chegarán a máis de 25.900 beneficiarios da PAC, distribuíndose por provincias do seguinte xeito: en Lugo, máis de 11.000 agricultores e gandeiros, que recibirán 50 millóns de euros; na Coruña haberá uns 9.200 beneficiarios, cunha achega de 35,4 millóns; en Pontevedra, unhas 2.900 persoas recibirán preto de 10 millóns de euros; e, en Ourense, máis de 2.800 beneficiarios accederán a 7,3 millóns.

Coa previsión de que, en total, as axudas da PAC para 2016-2017 ascendan a 170 millóns de euros, Feijóo incidiu en que o obxectivo fundamental é aliviar a situación económica que viven moitas granxas galegas no curto prazo.

Así mesmo, afirmou que o Executivo autonómico seguirá traballando para aumentar a rendibilidade do agro galego a longo prazo: “E para iso, estamos impulsando importantes iniciativas de transformación láctea, como as de Curtis e Vilalba; apoiamos a recente fusión de tres cooperativas, que agrupan a 3.600 gandeiros que producen o 15% do total galego; e impulsamos tamén o establecemento de empresas non agrarias no mundo rural”, dixo, logo de facer referencia tamén á posta en marcha do programa de impostos cero no rural.