Feijóo avanza que a nova Lei de recuperación da terra agraria promoverá a posta en valor dos terreos abandonados e facilitará base territorial a quen a desexe traballar

Subliña que busca revitalizar o rural e traballar pola recuperación demográfica; polo incremento da calidade de vida da poboación e pola anticipación ante os lumes forestais
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

Feijóo avanza que a nova Lei de recuperación da terra agraria promoverá a posta en valor dos terreos abandonados e facilitará base territorial a quen a desexe traballar

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia promoverá a recuperación dos terreos abandonados ou infrautilizados e facilitará base territorial a quen a desexe traballar.

“Queremos revitalizar o noso rural e traballar pola recuperación demográfica; polo incremento da calidade de vida da poboación e por, tamén, anticiparnos ante os lumes forestais”, dixo, subliñando que se trata dunha “lei moi ambiciosa, innovadora, tanto no Estado como probablemente na maioría dos países da UE”. E engadiu que o novo texto completa e desenvolve o marco normativo actual, e culmina un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, coñecida como Metaga.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo aseverou que esta norma avoga pola ordenación do territorio rural e pola súa posta en valor mediante novos mecanismos, como: as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos eles instrumentos totalmente voluntarios baseados nos arrendamentos, nas cesións nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta.

Así mesmo, o texto establece o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización de predios e fomenta a investigación da propiedade. Así, coa información que achegue a investigación, a Xunta actuará de oficio para actualizar o catastro en Galicia, notificando ao Goberno central -que ten as competencias na materia- os resultados dese labor.

Por outra banda, a lei crea tamén un Banco de explotacións, que mediará entre os donos de granxas que abandonan a actividade e os interesados en traballalas. O obxectivo é “fomentar a remuda xeracional e aproveitar as terras da propia explotación”, explicou Feijóo, subliñando que para acadar este obxectivo contarase con incentivos fiscais, nunha dobre vertente: no que atinxe a impostos que xestiona a propia comunidade autónoma e propoñendo ao Estado, ademais, melloras tributarias nos impostos que dependen del.

En relación aos impostos competencia da comunidade, incentivarase, por exemplo: o investimento en empresas agrarias, a adquisición de vivendas nas aldeas modelo, a compra ou arrendamento de fincas rústicas ou a transmisión, arrendamento ou cesión temporal de terreos incorporados ao Banco de Terras. “Imos completar o que aprobamos no ano 2016 con impostos cero no rural, converténdonos así, e profundizando con máis intensidade, na Comunidade autónoma con menores impostos que graven o sector rural de toda España”, salientou.

E, no que se refire á tributación estatal, proporase a posta en marcha de incentivos en impostos como os da renda cunha finalidade semellante, por exemplo: para favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras, así como das parcelas rústicas que se incorporen aos polígonos agroforestais, ou ás agrupacións de xestión conxunta para os promotores destas figuras de mobilización de terras.

Trátase dunha norma orientada á dinamización do rural: para fixar poboación; para promover a xestión do territorio e a actividade nos seus tres usos -agrario, gandeiro e forestal-; para recuperar a demografía co asentamento da poboación; para mellorar a calidade de vida e, tamén, para anticiparnos aos lumes forestais”.

Tras lembrar que esta lei é froito das reflexións dos comparecentes na comisión parlamentaria forestal tras os lumes do 2017, que se recolleron nunha ducia de recomendacións aprobadas no seu día por todos os grupos da Cámara daquel momento, Feijóo concluíu incidindo en que “é unha norma vangardista, ambiciosa e, estamos convencidos de que vai ser útil para as vindeiras xeracións”.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, debullou o contido da futura Lei, destacando que servirá para dotar de máis base territorial ás explotacións galegas co obxectivo de facelas máis rendibles e, ao tempo, non só conseguir fixar poboación no rural senón tamén anticiparse aos lumes forestais. Así, o conselleiro sinalou que se recuperará e porá en valor a terra produtiva mediante figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, ademais de seguir decretando novas reestruturacións parcelarias.

Para impulsar os proxectos de recuperación, José González salientou que se acometerá unha planificación integral do territorio rural e dos usos do solo, se potenciará e axilizará o Banco de Terras como intermediario e se creará o Banco de Explotacións, para fomentar a remuda xeracional no agro. Así mesmo, aprobaranse axudas públicas, incentivos fiscais ou outras medidas de apoio financeiro para fomentar a mobilización das terras en estado de abandono ou infrautilización.

Comentar noticia

Your email address will not be published.