Feijóo avanza un centro de maiores y un polideportivo na ETEA

Publicado por o día 02/11/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Feijóo avanza un centro de maiores y un polideportivo na ETEA

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe novos pasos para converter a ETEA nun dos piares do Vigo aberto, coa aprobación este xoves, no Consello da Xunta, do Plan Sectorial do ámbito PS-6, que permitirá iniciar “dúas grandes obras” para a cidade: un pavillón polideportivo e a residencia de maiores.

Durante a presentación deste plan, Feijóo salientou que nas vindeiras semanas a Xunta licitará o proxecto construtivo do pavillón polideportivo, no que se desenvolverán varias actividades sobre rodas –BMX, scooter, skateboard e roller- e acollerá competicións nacionais e internacionais.

“E no espazo que ocupa o Cuartel Méndez Núñez, asentarase a ansiada residencia de maiores, grazas á colaboración entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega”, dixo, precisando que, cun investimento de 15 millóns de euros, contará con 150 prazas públicas e máis de 140 postos de traballo. Ao respecto, confirmou que o proxecto de demolición do antigo cuartel xa está finalizado, co obxectivo de comezar as obras este ano.

O responsable do Executivo galego garantiu o compromiso da Xunta de seguir avanzando na ETEA para darlle unha nova vida e recuperar un dos mellores espazos para os veciños da cidade. “Para converter a vella Escola de Transmisións e Electricidade da Armada nun punto de encontro entre axentes públicos e privados que queiran sumar, entre ciencia e sociedade, e entre vigueses”.

Ao respecto, lembrou que ademais da posta en marcha en 2013 da zona recreativa da ETEA e da ampliación, en 2015, do parque infantil, cunha zona con xogos adaptados para nenos con discapacidade; en 2017, a Xunta acordou coa Universidade de Vigo a rehabilitación do Edificio Faraday, para servir como sede do Campus do Mar, e coa Zona Franca a reforma do Edificio Siemens, para acoller unha aceleradora de empresas e un centro de innovación gastronómica.

“E en 2018, acadamos o compromiso co Centro Superior de Investigacións Científicas para trasladar á ETEA dous centros de investigación e outros dous buques oceanográficos”, engadiu, subliñando o obxectivo de que nos vindeiros meses se poidan rematar os trámites urbanísticos necesarios para que o Campus do Mar poida materializarse.

“En definitiva, na ETEA entrelazaranse harmonicamente a investigación científica, a atención sociosanitaria, o deporte e o lecer, construíndo un espazo único”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.